Concentración «Solucións humanas en Ceuta. O racismo nunca é a resposta»

Xoves 17 ás 20:30 diante do Concello de Lugo
Trátase dunha convocatoria cidadá, é dicir, sen organización convocante, pero con organizacións adheridas como apoio.
Ata agora (15 de setembro ás 20:30) apoian a convocatoria: Aliad-Ultreia, CS A Hedreira, Plataforma Feminista de Lugo, Foro pola Memoria de Galicia, A Revolta das Mulleres na Igrexa, Irmandade Obreira de Acción Católica (IOAC), Asociación cidadá Agra dos Castros, Axunica (Asociación de Axuda a Nicaragua), Avante LGBT+.
«A convocatoria nace do encontro de persoas de Lugo coa perspectiva de que ante os acontecementos en Ceuta, a falta de respostas efectivas e o clima de polarización e odio que se están a fomentar determinados actores é necesario saír á rúa para trasladar a nosa indignación coa xestión da crise, a nosa solidariedade con todas as persoas que se atopan en Ceuta e esixir solucións, pero que sexan solucións humanitarias.»
COMUNICADO
O próximo xoves 17 ás 20:30 mobilizámonos diante do Concello de Lugo para demostrar que somos moitos os sectores da sociedade lucense que demandamos solucións amparadas Dereitos Humanos que poñan a empatía no centro. Porque nos preocupa a situación de Ceuta e porque nos preocupa polo tanto o benestar de TODAS as persoas que alí se atopan. E cando dicimos todas son todas, non só unha parte.
Recoñecemos a complexidade da situación ceutí, pero iso non xustifica a ineficacia na resposta administrativa que tras máis dun mes chega cun atraso inadmisible, que seguen agardando centos de migrantes e a poboación de Ceuta e que serve de combustible ao racismo máis violento.
Proclamas como “musulmán o que non bote” chocan coa realidade dunha cidade multicultural, onde conviven musulmáns, cristiáns e outras crenzas. Aqueles que se están a aproveitar desta crise para intereses alleos non buscan ofrecer solucións, senón demonizar pola relixión, cor de pel ou procedencia.
A Hamza, residente en España desde hai 20 anos, a semana pasada abríronlle a cabeza dun botellazo en Murcia ao berro de “moro de merda, vas pagar polo de Ceuta e Melilla”.
Este racismo é unha ameaza, en primeiro lugar, para as persoas migrantes, que están a sufrir cacerías, en Ceuta e no resto do Estado. E tamén pon na diana á propia poboación ceutí: tanto a poboación racializada como persoas voluntarias ou integrantes de ONGs
que asisten ás persoas migrantes.
Destacamos o papel esencial que tivo a solidariedade do pobo ceutí. Sempre foi exemplo de convivencia e diversidade, e nesta crise ceutís, voluntariado e activistas proporcionaron alimento, aloxamento e axuda ás persoas migrantes.
A migración forzosa polas guerras, a liberdade sexual ou calquera outra razón é un drama social, e un dos seus principais motores é a acumulación de riqueza nos países que exercen un dominio económico sobre o sur global. Non se pode abordar a cuestión migratoria sen atender as súas raíces.
Non ignoramos o uso que fan da migración as autoridades de Marrocos, a quen a UE encarga a represión na fronteira, pero iso non converte a quen foxe do seu país nunha persoa “invasora”. As persoas migrantes sofren estas manobras, non son culpables. Os culpables non afogan no mar.
Por iso, esiximos:
-Medidas eficaces do Estado e das administracións para garantir unha acollida acorde ao Dereito Internacional e permitir que a poboación ceutí recupere a súa vida cotiá.
-Medidas de protección ante a violencia que están a sufrir migrantes, traballadoras do social e activistas.
Somos moitas persoas as que queremos amosar sen medo a nosa solidariedade con Ceuta ao tempo que empatizamos con quen se xoga a vida buscando unha oportunidade.
Somos voces distintas que compartimos unha certeza: a fraternidade vencerá ao individualismo e ao odio.

