Inauguración da mostra «Átona» de Ruth Lodeiro
6 de agosto - 19:00

Inauguración da mostra «Átona» de Ruth Lodeiro
6 de agosto ás 19 horas no Museo Provincial de Lugo
Con motivo do 20º aniversario da creación da Rede Museística Provincial de Lugo, Átona, habitará cada un dos Museos da Rede durante a súa temporalidade para continuar “tecendo xuntas” desde a inclusión e a democratización cultural.
Na lingüística o áfono é aquilo que carece de vibración mentres que o átono é perda de forza, con todo, a ausencia de son e de forza non implica un baleiro, o silencio ten corpo, peso e textura.
Ruth Lodeiro en ÁTONA integra e mantén unha premisa constante, materializar o silencio a través dunha coreografía de pezas escultóricas que non berran, se non que se encartan e despregan, ténsanse e desténsanse, quebrándose nun mutismo compartido que habita o espazo.
A materia substitúe á voz, aparece como un son petrificado, un eco endurecido que custodia o segredo da súa propia fraxilidade natural. A materia rodeada e acompañada de fíos e arames que actúan como cordas vocais, que xa non vibran, como suturas que cosen feridas en silencio ou atan e constrinxen discursos cotiáns que non interesan abordar.
O discurso silencioso dilúese entre a opacidade das teas, a transparencia do tul e a humilde precariedade do cartón, elementos que operan como mordazas poéticas que filtran a realidade, convidándonos a percibir a nitidez do relato que nos quere mostrar.
O mesmo que numerosas artistas contemporáneas, Ruth utiliza a arte como catarse para denunciar: Louise Bourgeois, Pilar Albarracín, Franziska Greber, Marina Abramović, entre outras. Aínda que pertencen a distintas xeracións e orixes xeográficas, comparten con Ruth Lodeiro a capacidade de transformar o privado nunha declaración política e estética universal. Utilizan a arte como unha ferramenta de resistencia, catarse e denuncia social.
A casa icona como construción de identidade comunitaria, que penetra e rexe o privado, e a torre como constructo comunitario que colapsa, articulan as dúas tensións que unifican a distancia nas formas entre o concreto e o abstracto.
Babel mostra que o silencio xorde do colapso colectivo da comunicación e a cacofonía contemporánea. Co arame, a cerámica e o cartón, todo iso fragmentado, a artista constrúe as ruínas dunha comunicación imposible de manter, xurdindo unha incomunicación polo exceso de palabras e a saturación dos discursos. Cando o ruído do mundo é enxordecedor, a linguaxe colapsa sobre si mesma e vólvenos mudos por saturación.
Transformando o ruído enxordecedor nun silencio elocuente que busca un discurso diáfano, un rexurdir cotián que ignora o desasosego do berro silencioso.
Sara Pérez Bello
Comisaria

