O ciclo de conversas ‘Arredor do té’ achegará a realidade do pobo saharauí

O ciclo de conversas ‘Arredor do té’ achegará a realidade do pobo saharauí
A actividade celebrarase no Centro de Convivencia de Fingoi o martes 16 de xuño ás 17.00 horas e contará coa participación de activistas saharauís que compartirán as súas experiencias e testemuños sobre as condicións de vida da poboación refuxiada, así como sobre o papel das mulleres na organización social e na resistencia do pobo saharauí.
O encontro enmárcase na conmemoración do Día das Persoas Refuxiadas e ten como obxectivo fomentar o coñecemento, combater a desinformación e promover a reflexión sobre cuestións relacionadas cos dereitos humanos, a cooperación internacional e a interculturalidade.
O nome da iniciativa fai referencia a unha das tradicións máis arraigadas da cultura saharauí. O ritual do té constitúe un símbolo de hospitalidade, encontro e diálogo, converténdose neste caso nun espazo para compartir experiencias e achegar á cidadanía unha realidade que continúa afectando a miles de persoas.
A través desta actividade, o Concello de Lugo reafirma o seu compromiso coa sensibilización social, a cooperación e a promoción dos valores de solidariedade, respecto e convivencia entre culturas.





























