Obradoiros familiares de globoflexia para ambientar o Arde Lucus
Os obradoiros, dirixidos a nenos e nenas e persoas adultas, celebraranse este xoves 18 de xuño nas aulas de formación do Pazo de San Marcos.
Desenvolveranse a partir das 16:00 horas da tarde en dúas quendas nas que haberá 20 prazas para os adultos e 40 para o público infantil.
Cada sesión terá unha duración aproximada dunha hora.
As persoas interesadas poderán anotarse de balde a través correo: protocolo@deputacionlugo.org.
Os menores desenvolverán deseños con globos de inspiración romana que poderán empregarse como escudos, coroas e outros elementos decorativos propios da recreación histórica. Pola súa banda, as persoas adultas crearán un photocall temático que quedará instalado durante as festas na sede provincial.
Con esta iniciativa, baixo o nome Arde Lucus en Familia, a institución provincial busca fomentar a participación e a convivencia entre xeracións mediante unha actividade lúdica e cultural, ao tempo que contribúe á posta en valor da caracterización dunha das celebracións máis emblemáticas da capital lucense.





























