- Este evento ha pasado.
Presentación do libro «Asasinato no muíño do cura» de Arantza Portabales

Presentación do libro «Asasinato no muíño do cura» de Arantza Portabales
O venres 19 de xuño ás 19 h no patio do Centro SocioCultural O Vello Cárcere
Acompañando a autora, estará Irene Rega Jul, escritora.
Arantza Portabales é, sen dúbida, unha das voces imprescindibles da novela negra: unha autora de referencia, cunha traxectoria sólida, que
leva anos conquistando milleiros de lectoras e lectores.
Regresa agora cun dos lanzamentos máis agardados do ano: «Asasinato no muíño do Cura», a nova entrega da serie “Os crimes de Loeiro”, tras «Asasinato na casa rosa».
Volvemos a Loeiro, onde en 1984 acontece unha matanza no muíño do Cura que trae as súas consecuencias ata o presente, cando Alba Mariño chega á vila na procura de respostas sobre un pasado que lle roubaron e do que descoñece todo, agás a marca indeleble que deixou na súa vida.
Santaclara e Araujo, coa inestimable colaboración de Sinda, a Gestapo, axudarán a Alba a desentrañar o sanguento misterio arredor do seu pasado e baterán coas sinistras irmás Freijomil, netas do cura, e coa vella historia da morte da súa sobriña Berta sendo nena, crime que nunca se resolveu.
O pacto de silencio entre os veciños irá rachando pouco a pouco ata desembocar nun final trepidante que fai tremer os cimentos da vila.
Arantza Portabales (San Sebastián, 1973)
Iníciase como escritora no ano 2015 cun libro de microrrelatos en castelán, A Celeste la compré en un rastrillo. Ese mesmo ano, coa súa primeira obra en galego, Sobrevivindo (Galaxia), acada o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia.
A súa segunda novela, Deixe a súa mensaxe despois do sinal (Galaxia, 2017), foi traducida ao castelán, italiano, hebreo e alemán, adaptada ao teatro e obtivo o Premio Novela Europea do Casino de Santiago.
Beleza vermella (Galaxia, 2019), un dos títulos máis lidos da novela policial galega, acadou o Premio Frei Martín Sarmiento e está protagonizada polo inspector Abad e a subinspectora Barroso, que en 2021 regresan en A vida secreta de Úrsula Bas.
En 2023 publicou O home que matou a Antía Morgade e, tras a espectacular acollida das súas anteriores novelas negras, iniciou a serie “Os crimes de Loeiro”, protagonizada por Santaclara &Araújo, con Asasinato na casa rosa (Galaxia, 2024).

