Presentación do poemario «ADN do infinito» de Claudio Rodríguez Fer
Venres 15 ás 20.30, na Librería Biblos de Lugo
ADN do infinito, traducido ao portugués como DNA do infinito polo tamén poeta Saturnino Valladares.
O libro foi publicado en edición bilingüe pola Editora Valer, radicada en Brasil, que xa publicara do mesmo autor e tradutor, tamén en edición bilingüe, o poemario erótico Unha tempada no paraíso, así como, na mesma colección Cima do Canto, obras doutros autores españois como Valente, Gamoneda e Brines.
ADN do infinito / DNA do infinito é unha obra de poesía vital de carácter principalmente amoroso, temática que Claudio Rodríguez Fer ten cultivado intensamente dende os seus primeiros libros, Poemas de amor sen morte e Tigres de ternura (Premio Nacional da Crítica Española). Trátase agora dun canto á plenitude do amor cifrado dende o “cume da vida”: “Isto é o ADN do amor: / potencialidade infinita. / Dalo e recibilo todo / sen renunciar a nada.”
Este poemario foi fundamentalmente vivido e escrito entre Galicia e Romanía, polo que nel aparecen referencias á natureza silvestre e a poesía medieval galegas, pero tamén ás artes e á lírica romanesa dende as sensuais figuras femininas da súa Prehistoria á non menos sensual escultura de Brancusi que se encarna nestes versos: “pola alquimia do amor, / vivo cun Brancusi”. A transubstanciación intercultural característica da poesía sempre aberta de Claudio Rodríguez Fer pode apreciarse explicitamente en poemas como “Cando a noite cae sobre Bucarest” ou “Entrando en Transilvania”.
Claudio Rodríguez Fer, que está traducido ao romanés entre outras moitas linguas, recibiu no Festival Mundial de Poesía de Craiova a Medalla Eminescu e o Premio de Historia e Crítica Literarias da Academia Internacional “Mihai Eminescu”, distincións que honran a memoria do poeta nacional de Romanía.
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte