
O Pazo de San Marcos acolle o 4 de novembro, ás 19:30 horas a proxección da película «Antes de Nós», que afonda na figura de Castelao a partir de vivencias íntimas relacionadas
coa súa dedicación á medicina ou o falecemento do seu fillo e reflexiona sobre a trascendencia destes acontecementos vitais na súa dimensión política e artística.
A sesión completarase cun coloquio coa súa directora, Ángeles Huertas, que falará do proceso de creación do filme, a longametraxe de ficción máis ambiciosa das realizadas até o momento sobre unha das figuras máis relevantes para a Galicia contemporánea.
A deputada de Cultura Iria Castro convidou a asistir ao acto co que, explicou, «ademais de contribuírmos á difusión do filme, pretendemos achegar ao público ao seu proceso creativo a través dunha conversa coa directora».
A responsable provincial avanzou que «a actividade abre un ciclo de proxeccións pola provincia que se desenvolverá nos dous vindeiros meses, con pases en Samos, Castroverde, Palas de Rei, Chantada, Quiroga, Pantón, Becerreá, Barreiros e Riotorto»
O ciclo, que se enmarca na colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo na produción do filme, amplía a súa difusión alén dos festivais e salas de cine nas que se proxectou tras a súa estrea o pasado 23 de maio.
Ángeles Huertas
Formada na Met Film School de Londres, Ángeles Huertas (Gijón, 1974) debuta na longametraxe co documental creativo «Esquece Monelos» (2017), onde un río soterrado e esquecido convértese no fío condutor para abordar os meandros personais e políticos da memoria.
«Esquece Monelos» obtivo a Mención Especial do Xurado en Documenta Madrid, tres premios Mestre Mateo e estivo nominado aos Premios Feroz 2018.
Na Seminci de 2022 estrea a súa primeira película de ficción, «O corpo aberto», adaptación dun relato gótico de Xosé Luís Méndez Ferrín sobre o ilusorio dos límites que nos definen.
A película foi merecedora de 12 premios Mestre Mateo na edición do 2023, incluíndo mellor película, dirección e guion.