Roteiro entre Lugo e Castroverde
A delegación de Lugo de ADEGA organiza un novo roteiro este domingo 16/02
«…coñeceremos algúns dos tesouros agochados en Lugo e Castroverde: abrigos naturais, o círculo lítico “A Horta do Rei”, mámoas e interesantes formacións rochosas, ademais do cemiterio e a Croa de Soutomerille. E poderemos gozar de amplas paisaxes.
Será de dificultade media-alta, duns 18,5 Km. de lonxitude e uns 250 m. de desnivel.
Discorrerá polas parroquias de Teixeiro e Labio no concello de Lugo, e polas de Barredo, A Meda e Soutomerille no de Castroverde.»
Descrición da ruta
Comeza nos Lagos de Teixeiro, cunha primeira parte do percorrido en ascenso polo Monte Castelo, pasando polo Alto da Chousa e chegando á Pena do Castelo Vello, onde queda a lembranza da presenza de guerreiros viquingos na Baixa Idade Media. Desde o miradoiro acondicionado neste lugar poderemos contemplar amplas panorámicas.
Seguiremos cara ao Outeiro de Fompedriña e logo descenderemos á Lagoa da Carballosa (unha das zonas núcleo da Reserva da biosfera Terras do Miño). Preto dela, visitaremos a Pena da Ermida, cuxa toponimia e restos do que noutro tempo foi un espazoso abrigo natural, da a pensar que puidera terse utilizado hai séculos como refuxio dalgún eremita.
A continuación internarémonos na Carballosa, bosque de carballos de máis de 70 Has. de extensión, con felgos, musgos e outras plantas que lle confiren un gran valor ambiental. Poderemos desfrutar do seu agradable microclima e coñecer algúns dos “tesouros” que acolle, tanto naturais como culturais (abrigo rochoso, “círculo lítico”,…).
Seguiremos pola crista da Serra de Outeiro Maior en dirección leste, pasando polo Monte da Medorra e por unha área con varias mámoas e interesantes formacións rochosas (Tres Penas, Pena do Campanario, Penas de Gulfe, Pena da Sarna, O Pico, Pena da Ruza, Pena Branca e O Castriño). Durante esta parte do percorrido teremos ocasión de comentar o proxecto eólico que ameaza estes montes.
Descenderemos logo á aldea de Santo André de Barredo, e continuaremos cara ao sueste por terras de orografía chaira, atopándonos no camiño co Río da Baranca. Cruzada esta canle fluvial, uns 400 metros ao sur visitaremos o Cemiterio de Soutomerille, un dos máis pequenos de Galicia, e uns 250 m. máis adiante pasaremos pola Casa-Torre de Arriba (residencia de quen hai séculos dominara estas terras da parroquia de Soutomerille).
Subiremos logo á Croa de Soutomerille, onde nos deteremos nas formacións rochosas de Os Asentos dos Mouros, para tornar logo á Casa Torre de Arriba polo medio do bosque que envolve á croa.
Seguindo cara ao oeste, atoparémonos coa Igrexa de Soutomerille, -pequena capela que conserva restos dunha anterior capela de estilo visigótico ou mozárabe-, e, ao seu carón, cos restos da chamada Casa-Torre de Abaixo.
A andaina finalizará a uns 700 metros ao oeste deste lugar, nas proximidades da Areeira da Pallota, área de extracción mineira parte da cal foi obxecto de restauración ambiental hai poucos anos.
Información e reservas
As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 13h do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición. Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades, cun prezo de 6 euros.
Para máis información:
ADEGA-Lugo (982 240299 / 677800293).
Viva Lugo, Axenda Cultural de Lugo.
https://www.facebook.com/vivalugo