XAN 2018 A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, inaugurou este venres 19 a exposición itinerante Olería tradicional: Sons do Barro, que conta con máis de 70 pezas artesanais en barro, aportadas pola asociación madrileña E. ADOBE e por coleccionistas galegos como A. R. e Rosa Carballés, entre outras. No acto, participaron tamén o Comisario da Exposición, Ricardo Rodríguez, e membros de E. ADOBE, que interpretaron tamén algúns dos instrumentos.
García Porto subliñou “o compromiso do Goberno da Deputación coa promoción e difusión do ámbito artesanal lucense, que tivo un grande impacto no transcorrer da historia da nosa provincia e na identidade que temos como pobo. Nesta ocasión, trátase dunha mostra única e excepcional de instrumentos de olería, cunha importante presencia de pezas galegas. Nesta colección atopamos, por exemplo, instrumentos de especial singularidade como zambombas elaboradas con pel de linguado ou pezas de arxila que ao ser tocada, reproduce o trino dunha rula.”
Pola súa banda, o Comisario da exposición remarcou “o pracer que supón poder expoñer na Capela de Santa María, situada xunto ao CentrAD, que conta cunha mostra de instrumentos musicais que, a pesares de non ser de olería, teñen un valor patrimonial, cultural e artístico incalculable, ao igual que as pezas desta exposición que hoxe inauguramos.”
Olería tradicional: Sons do Barro
A exposición Olería tradicional: Sons do Barro é una mostra de instrumentos sonoros de arxila, de distinta morfoloxía e procedencia que ofrecen ao espectador a oportunidade de descubrir como o ser humano veu empregando os sons ao longo da historia. Uns usos que serviron para exteriorizar sentimentos profundos en ritos, costumes e festas de lugares diferentes á Comunidade de Galicia, de onde figuran trompetas, galiñas, chifre ou pichetas, entre outros instrumentos.
A mostra estará exposta na Capela do Fogar de Santa María ata o 25 de febreiro en horario de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas de luns a venres, e de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas sábados, domingos e festivos