A EASD Ramón Falcón mostra todo o seu potencial en O Vello Cárcere.
A área de Cultura do Concello de Lugo cedeu á EASD Ramón Falcón un espazo permanente no centro cultural para mostrar traballos dos seus alumnos e alumnas e apoiar a arte local.
A Escola comprometese a manter vivo o espazo por medio de renovacións parciais da exposición.

As nove celas da mostra están adicadas aos estudos: tanto os de ensinanzas profesionais, de Serigrafía, Fotografía, Cerámica ou Gravado e Técnicas de Estampación, coma os de nivel grao, con Deseño Gráfico e Deseño de Interiores. É unha gran oportunidade para ver pezas de arte de gran calidade ademáis de descubrir a Escola Ramón Falcón, presente e futuro das ensinanzas artísticas e de deseño na cidade de Lugo.

Empezando o percorrido de esquerda á dereita, abre a mostra o traballo dos alumnos Pablo Rodríguez Regueiro, Lidia Villagordo González, Pablo Paz Vieites, Judit Rozas Cabanas, Iria Abuín Piñeiro e Verónica Rodríguez Corral, dos Estudos Superiores de Deseño de Interiores, cunha colección de 6 paneis representativos de Traballos Finais de Estudos.

A mostra de traballos escollida para esta cela pretende acercar ao público os diversos campos de traballo da especialidade e trata de amosar neles o resultado da formación de catro anos académicos, onde se explora a creatividade, pero tamén a funcionalidade, as tendenzas e a estética para transformar espazos tanto en propostas para vivendas, locais e mesmo espazos públicos, como en mobiliario, postos de venta…

A continuación, nas celas adicadas á Deseño Gráfico, hai unha colección de carteis con composicións tipográficas, realizados na disciplina de Proxectos I, traballos de aula onde se traballa a partir de frases e reflexións sobre o deseño e a creatividade con diferentes materializacións de Ana Gómez, Daniel Boullosa, Hugo Costa, Laura García Moldes, Laura Iglesia, Mayra Fernández, Nuria Álvarez, Sara Santorum, Pablo López Parapar, Silvia Montes, Raquel Aguirre e Nicole Maza Torres.

FOTOGRAFIA

O percorrido polo andar chega ao mundo da imaxe fotográfica, base de varias disciplinas de segundo e tercer ano tamén nos estudos superiores de Deseño Gráfico e, sobre todo, eixe de vertebrador da formación modular do Ciclo Formativo Superior de Fotografía

Breogán Alamancos é o autor de “Proxecto Porto”, un ensaio fotográfico no que o alumno, durante unha visita á cidade portuguesa explora coa súa cámara os diversos aspectos humáns, sociais, urbáns ou arquitectónicos da urbe.

Belén Lozano, pola súa parte, presenta un experimento fotográfico en torno ao autorretrato sen rostro, que convida a cuestionar a identidade da modelo, proxecto que xurde a partires das verbas de Louise Glück, gañadora do premio Nobel de Literatura, e o seu poema “Solitude”: “Nada proba que estou viva. Tan só hai choiva, a choiva é infinita”. 

A través da súa obra fotográfica, da que se escollen sete pezas para a cela, Lozano quere representar a liberación do “eu” máis profundo de cada ser humano, o que apoia cun fondo discurso xa desde o título escollido: “Io… Magari” (“Eu… Quizais”), onde o pronome italiano se emprega como en metáfora visual do proxecto: a I representa a imaxe da fotógrafa, sempre ergueita e unida en cada instantánea ao espello circular, representado pola O.

Tres son as celas adicadas á proxectos cerámicos.

“Orixe e Pecado” é a proposta de María Isabel Vázquez, na que unha escultura, inspirada na obra “O Xardín das Delicias” de Hieronymus van Aaken Bosch (O Bosco), invítanos a reflexionar sobre a orixe dos pecados e a moral, e o seu estado actual, entendendo como pecado o pensamento ou a acción que lesiona ao mundo (continente e contido), a resultas dunha acción accion colectiva e non individual.

Rosana Martínez presenta “La memoria está en la arena”, un proxecto homenaxe a unhas lavandeiras do pobo de Cesantes, que axudaban aos presos do campo de concentración da illa de San Simón. Aquelas coraxudas mulleres pasaban mensaxes dos confinados ás súas familias escondidos entre a roupa. 

E a partir desta terrible e obscura realidade, a autora representa nesta instalación a roupa recén lavada, roupa creada con distintos materiais (gres, porcelana, pigmentos, texidos, papel ou cordón de esparto) na que se escriben textos, fragmentos reais das cartas escritas por un dos reclusos, José Mejuto Bernárdez, que a súa familia exiliada conservou e recolleu no libro “Cartas de un condenado a muerte”.

“El jardín de Cloto” é unha metáfora utópica na que os cuidados paliativos, a ausencia de dor, levan a Ismael López a presentar a Cloto, unha das tres moiras gregas, encargada de hilar a hebra da vida e decidir o noso destino. Nesta cela, Cloto coida o seu xardín de flores de adormidera e cápsulas de opio, arroxando máis luces que sombras sobre corpos que buscan a gracia no ingrávido, brindando unha viaxe a través do reparador soño en dormevela.

Aníbal Balbona é o responsable do estudo serigráfico titulado “Estudo Aldea”, onde pon en práctica todo o aprendido no seu percorrido pola nosa Escola, despois de cursar o Ciclo Medio de Serigrafía Artística e mais o Ciclo Superior de Gravado e Técnicas de Estampación.

Nesta escolma podemos ver a súa Obra Final serigráfica, onde dende o seu niño, os paxaros emprenden o vó, á que suma catro pezas do Proxecto Final de Gravado, conformado por estampacións sobre papel combinando diferentes técnicas gráficas, de deseños elaborados para etiquetas de botellas de cervexa artesá. Complétase a mostra con seis obras serigráficas actuais realizadas xa no seu estudo persoal que tratan temas da tradición galega.

“Micromundo” é a proposta de Nicolás Gil, alumno que estudiou Gravado e Técnicas de Estampación antes de emprender os estudos de grao de Deseño Gráfico. 

A idea inicial deste proxecto é representar dun xeito abstracto a visión de diferentes mostras vistas a través dun microscopio, resaltando a diversidade de formas, texturas e cores que se poden apreciar nelas, tales como tecidos humanos, vexetais ou outros elementos orgánicos. 

As técnicas empregadas neste proxecto son unha amalgama de serigrafía, fotolitografía e calcografía que encaixa perfectamente ata acadar as imaxes que se poden ver nestas estampacións. Co escaneado do QR obténse a información científica de cada un deles. Acompañando ás estampas pódense ver as pranchas gravadas en zinc, aluminio e linóleo que se empregaron no proceso.

Autoridades e responsables da Escola na inauguración da mostra.

A área de Cultura do Concello de Lugo cedeu este espazo co fin de “acercar o público aos campos de traballo das futuras artistas lucenses no campo da serigrafía, fotografía, cerámica, gravado e técnicas de estampación ou deseño gráfico e de interiores”, explicou a concelleira responsable, Maite Ferreiro, “permite que o alumnado da Escola Ramón Falcón amose o resultado da formación de catro anos académicos, onde se explora a creatividade, pero tamén a funcionalidade, as tendenzas e a estética para transformar espazos privados, pero tamén públicos”.

Ferreiro quixo remarcar a aposta dende a Tenencia de Alcaldía pola arte local, xa que considera fundamental “ofrecer un espazo para que as e os artistas lucenses amosen as súas obras e o seu traballo, promovendo a diversidade cultural e creando un espazo cultural fixo na nosa cidade”. O Vello Cárcere e as demais salas museísticas de Lugo, insiste a concelleira, recoñecen e valoran as artes feitas en Lugo, ofrecendo unha axenda cultural completa e variada que se extende durante todo o ano.