A Galería Néboa acolle a primeira exposición individual de Vicente Blanco en Lugo
Inauguración «Os coleccionistas de formas» de Vicente Blanco na Galería NÉBOA o venres 2 de febreiro ás 19:00h na Rúa Lamas de Prado 31, Lugo.
Os coleccionistas de formas é a primeira exposición individual de Vicente Blanco en Lugo coa que presenta unha colección de debuxos que xorden da observación da súa contorna inmediata: as zonas rurais de Galiza, onde as tradicións, a arquitectura, a paisaxe e a lingua estanse a esvaecer absorbidas polos modelos neoliberais que priorizan o luxo e o exotismo.
E é o debuxo a peneira coa que os coleccionistas recollen as imaxes de mundos imaxinarios imbricados nesa realidade máis próxima, fragmentos de arquitecturas, elementos naturais e historias dotados de forte carga simbólica. Dende esta perspectiva, a arte é para o artista a ferramenta fundamental na construción de narrativas sobre pertenza, coidado, deseño, responsabilidade ou memoria individual e colectiva.
Os modos de vida rurais están a desaparecer, as transformacións ultra rápidas actuais borran a diversidade de cosmovisións do mundo e crean unha especie de “non lugar”. Ao ter construído a súa identidade dende as marxes e con referentes afastados do seu contexto rural lévao a adoptar a mirada dos colectivos invisibilizados, colonizados ou explotados, como a natureza e os animais e de aí a presenza simbiótica e recorrente en toda a súa obra. Como sinala o artista: “nese mundo en ruínas, como construír a identidade dende as marxes?, como narrar dende un contexto invisibilizado, que tamén invisibiliza o desexo e a existencia”.
A súa serie de debuxos, realizadas con lapis de cores, acuarela e gesso pigmentado sobre lenzo e papel, constrúense en diferentes capas de información. As narracións fractúranse, ocultando información e invitando ao espectador a imaxinar o que non se mostra. Deste xeito, crea narrativas abertas, plurais e fragmentadas que se descompoñen e afástanse do estado embrionario para enriquecerse e complicarse e que dan como resultado unha suspensión do
sentido e do significado que flúe dunha maneira lenta cara un posible desenlace da trama, como unha espera silandeira.
Blanco apela a man non só como ferramenta executora, senón tamén como extremidade pensante. Son esas mesmas mans as que recollen, agarran, preocúpanse, abrazan e desenvólvense. Son mans de traballo pero tamén mans de afecto que recorren os corpos e selan o vínculo humano coa natureza que se mostra fértil, afectiva quizais, na súa fase onírica; ameazante, na vixilia.
As diferentes proporcións e escalas das figuras que aparecen nas obras, humanas e/ou fantasmais e surreais, establecen unha sorte de coreografía hipnótica na que o humor e a ironía, non están exentas. O artista refire o debuxo como caracterizado por unha riqueza e fraxilidade, onde todo permanece e que remite a unha danza, onde se rexistra o movemento de todo o corpo como ritual de repetición dun xesto.
Vicente Blanco
Vicente Blanco (Cee, 1974) é Licenciado en Belas Artes na especialidade de Escultura pola Universidade de Vigo (1997) e Doctor en Belas Artes pola Universidade de Granada (2012). Blanco expuxo en prestixios museos de arte contemporánea como o MNCA Reina Sofía (Madrid), CGAC (Compostela), MARCO (Vigo) e o MUSAC (León).
Entre os seus últimos proxectos individuais destaca a mostra Los cuerpos inesperados na Galería silvestre (Madrid), O bruto delicado no Espacio Sirvent (Vigo), Contrato para paisaje na Galerie van der Mieden (Amberes) e Otra vez algo nuevo na Galería Elba Benítez (Madrid). E de forma colectiva: Norte Silvestre e Agreste na Galeria Municipal do Porto (Oporto), Derrotas: formas de pensar en NORMAL (A Coruña), Persistencia e Animación na Sociedade Nacional de Belas Artes (Lisboa), etc.
Vicente Blanco foi distinguido recentemente coa bolsa da Fundación Pollock-Krasner (2023) e a súa obra está presente en destacadas coleccións como a Fundación María José Jove, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León, entre outros.
Dende o 2013 reside en Coeses, unha pequena parroquia do concello de Lugo.
Imparte clases na área de Didáctica da Expresión Plástica da USC na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo e ademáis, xunto con Salvador Cidrás e Estela Freile, é un dos fundadores do grupo de innovación educativa Escola Imaxinada, un colectivo formado por diferentes profesionais do ámbito das artes, a arquitectura, a filosofía e a Educación Infantil e Primaria.
EXPOSICIÓN: Os coleccionistas de formas de Vicente Blanco
INAUGURACIÓN: venres 2 de febreiro ás 19:00
LUGAR: Galería NÉBOA (Lamas de Prado 31, Lugo)
DATAS: 2.02 – 13.04 / 2024