«IlustrarNÓS 2024» – Actividades de ilustración e artes gráficas en centros educativos de Lugo

A programación inclúe obradoiros de creación dun fanzine en centros educativos de primaria, charlas a cargo da ilustradora lucense Rebeca Losada en institutos, murais homenaxe a Chichi Campos e Castelao en espazos educativos e un certame de ilustración, aberto á participación de alumnado de distintas etapas educativas.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo desenvolverá un ano máis o programa IlustrarNÓS, con diversas actividades arredor da ilustración e das artes gráficas en centros educativos.

Tomando como punto de partida o Día da Ilustración, que se celebra o 30 de xaneiro coincidindo co aniversario do nacemento de Castelao, a área de Cultura desenvolverá un catálogo de propostas coas que pretende ampliar o coñecemento desta expresión artística, das súas técnicas e creadores e creadoras, e fomentar a creatividade.

Iria Castro sinalou que “a experiencia das últimas edicións, con moi boa acollida na comunidade educativa, lévanos a dar continuidade a esta programación que pretende mergullar o alumnado na arte da ilustración, e tamén para poñer en valor a obra de creadores e creadoras galegas deste eido, as actuais, que participan na actividades, e as e os que as precederon como Chichi Campos, a quen se dedica este ano o Día da Ilustración, e por Castelao, que inspirou a celebración desta efeméride desde 2014”.

Iria Castro, responsable da área de Cultura Vicepresidencia Deputación de Lugo.

En relación con Chichi Campos, a responsábel provincial lembrou “que os fondos de Biblioteca do Museo Provincial de Lugo contan cunha edición de “O Campo 70”, un libro editado pola Fundación Luis Seoane co gallo da primeira retrospectiva celebrada en trinta anos, e recolle diversos traballos seus: debuxos, bosquexos e incluso textos”

Obradoiros e charlas

Os centros educativos da provincia acollerán nos vindeiros meses actividades enfocadas ao deseño e á ilustración. Por unha banda, 7H Cooperativa Cultural ofrecerá un obradoiro de creación de fanzine a partir da figura de Chichi Campos nos centros de Educación Primaria.

Rebeca Losada, ilustradora lucense e autora de carteis para Rozalén ou Love of Lesbian ou do deseño dos estrela Michelín  de Javier Olleros e Pepe Solla, impartirá charlas en institutos e  levará a cabo un encontro obradoiro na Escola de Artes Ramón Falcón arredor da creación a través desta arte e unha exhibición conmemorativa do seu traballo. Por último, realizarase unha conferencia a cargo da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración arredor do oficio de ilustrar en Galicia.

III Certame IlustrarNós

Co interese de difundir a obra de Chichi Campos convocarase o III Certame IlustrarNÓS, dirixido a estudantado de 5º e 6º de Educación Primaria, 1º e 2º de ESO, 3º e 4º de ESO e Bacharelato e Ciclos Formativos dos centros educativos da provincia de Lugo. Entre os obxectivos deste programa está fomentar a creatividade a través da ilustración e descubrir novos valores.

A dotación do premio consistirá en catro lotes (un por etapa educativa) composto por material gráfico e tecnolóxico relacionado co mundo do deseño e a ilustración.

Día da Ilustración

O Día da Ilustración celébrase desde 2014 cada 30 de xaneiro coincidindo coa efeméride do aniversario do nacemento de Castelao quen, como creador
e divulgador, deixou a súa pegada plasmada en numerosas ilustracións, caricaturas e escritos, converténdose en cabeceira dunha grande lista de
artistas que a ilustración galega foi dando ao longo do tempo.

Desde 2017, o Día da Ilustración dedícase a homenaxear artistas que amosaron a súa creatividade en distintos formatos e cuxa obra cómpre
lembrar. Este ano, o protagonista é Jesús Campos (Chichi Campos), debuxante, articulista e humorista gráfico galego nacido en La Laguna en
1952. O artista fundou en 1972 o grupo de historietistas O Castro en compañía de Xosé Díaz Arias e Luis Caparrós Esperante co que, dous anos
despois, publicou, dende Xinebra, a revista de crítica social A Cova das Choias, considerada unha das primeiras publicacións de cómic galego.