A Rede Museística de Lugo referente internacional da museoloxía social
Coincidindo coa XX Conferencia Internacional sobre Museoloxía Social, a Rede Museística de Lugo promoveu a creación do Grupo MINOM España, que se puxo en marcha coa constitución dunha xunta xestora formada pola xerente da Rede, Encarna Lago, a profesora da Facultade de Humanidades (USC) e directora do Centro de Estudos de Historia da Cidade de Lugo, Ana Goy, Juan García Sandoval, director artístico do Museo Regional de Arte Moderno de Murcia; Óscar Navajas, profesor da Universidade de Alcalá; Silvia Blanco, directora do Museo Natura Ibérica, e Cristina Alonso, educadora social e representante de COGAMI.
Co seu impulso, nace un novo grupo orientado á investigacíón no ámbito da museoloxía social -unha disciplina que se encarga de potenciar a función social dos museos como ferramentas para o desenvolvemento das comunidades e a transformación social – e que pretende dar continuidade ao traballo iniciado XX Conferencia Internacional MINOM- ICOM que se
está a desenvolver nestes días en formato virtual.
As sesións virtuais deste mércores e xoves contaron con 674 persoas inscritas de 18 países. A difusión das conferencias polas redes sociais alcanzou máis de 8.500 persoas. A xerente da Rede Museística subliñou a “alta participación” na conferencia, que tivo que adaptar o seu formato á situación sanitaria derivada da Covid-19. Encarna Lago remarcou “que os catro museos da Rede e en xeral todo o patrimonio da provincia, e especialmente da Ribeira Sacra” estiveran moi presentes nos relatorios, nos que participaron persoas expertas de once países.
A Conferencia Internacional rematará os días 31 de xullo e 1 de agosto cunha reunión presencial dos representantes do Comité Científico, que emitirán unha declaración coas conclusións dos debates e relatorios