Abre no MIHL a exposición «Literatura e videoxogos»
A mostra poderase visitar de forma gratuíta ata o 9 de febreiro durante a semana en horario de 16:30h a 19:30he as fins de semana de 10:00h a 14:00h e de 16:30 a 19:30h.
A exposición conta con máis de 20 sistemas de videoxogos e outros tantos títulos interactivos de tódalas épocas (incluíndo xogos creados en Galicia) que convivirán durante máis de 2 meses cunha vintena de obras literarias para o entendemento da súa relación.
Haberá actividades divulgativas gratuítas especialmente deseñadas para centros de ensino, previa reserva   a través do correo info@muvi.gal ou no teléfono 986 112 931 de luns a venres de 9 a 14h.

Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, achegouse ata o MIHL onde vén de abrir a nova exposición Literatura e Videoxogos, organizada polo Museo do Videoxogo en colaboración coa área de Cultura. 

A mostra estará aberta ata o vindeiro 9 de febreiro, e conta con máis de de 40 pezas, entre dispositivos e obras de software, de importante valor histórico e conceptual.

A exposición estará aberta ao público xeral e organizaranse actividades dirixidas aos centros de ensino de Lugo. 

Maite Ferreiro anunciou que a área de Cultura conta xa “con máis de 500 estudantes confirmados para visitar esta exposición”, e lembrou que os centros de ensino interesados poden poñerse en contacto co MIHL para organizar unha visita.

En conxunto, poderanse ver 20 sistemas de hardware, dos cales a metade serán interactivos e da outra metade unha alta porcentaxe serán funcionais, para que os visitantes poidan relacionarse cos videoxogos a través dos 20 fitos históricos que se abordan ao longo da mostra.

Foto: Gab. Com. Cultura

Ao longo da historia os videoxogos atoparon unha fonte de inspiración na literatura, pero é evidente que, sobre todo nos últimos anos, videoxogos e literatura véñense nutrindo reciprocamente. A narrativa máis tradicional inflúe no xeito de crear argumentos e personaxes nos videoxogos, e ao igual que os videoxogos aprenderon da literatura, hoxe en día tamén está a ocorrer á inversa.

Poñendo o foco nesta idea, alén das narrativas herdadas da literatura, a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia quere afondar na relación entre ambos medios, na súa expresión artística e o seu valor, desenvolvendo para o Concello de Lugo unha instalación experimental titulada Literatura e Videoxogos.

Esta mostra exemplifica a aposta da Fundación por achegar ao público a experiencia de xogo orixinal a través de diferentes instalacións funcionais e interactivas que falan sobre a transmedialidade existente entre dous eidos culturais, e coas que os visitantes poderán xogar e experimentar.