Carlos Montero Gil gaña o Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre Cidade de Lugo 2024
As rúas de Lugo convertéronse na xornada do domingo 14/07 na inspiración dos 40 artistas que participaron na XXIV edición do Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre Cidade de Lugo que promove a Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua.
A riqueza patrimonial sumou un ano máis atractivos con artistas procedentes de distintas zonas de Galiza e do resto do Estado, que inmortalizaron distintos lugares da cidade en cadros con variados estilos e técnicas pictóricas.
O xurado, composto por Emilia Rodríguez de las Heras, profesora, en representación da Escola de Arte Superior e Deseño Ramón Falcón, Christian Villamide, artista multidisciplinar e Bruno López Rodríguez ELERRE, deseñador gráfico e membro da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración escolleu como gañadores dos tres premios principais a Carlos Montero Gil, co 1º premio (1.600€ e diploma), Isabel Seidel, co 2º premio (1.100€ e diploma) e Raúl Sánchez Muñoz co 3º (900€ e diploma).
Os 5 accésit, que contaron cun premio en metálico de 300€ e un diploma, foron para as seguintes participantes: Rafael Carrascal García, Abraham Pinto Mendoza, Diego Manuel Fernández González «Columé», Juan Lucena Orellana e Federico Plasencia Chacón.
O lucense Oniel Rodríguez López, foi galardoada polo xurado co premio para o artista local, dotado de 450€ e diploma.
O concelleiro Alexandre Penas afirmou que o Certame de Pintura Rápida «contribúe a proxectar a riqueza patrimonial e cultural de Lugo, tanto entre os propios participantes, que chegan de todo o estado, como a través dos propios cadros, que recollen os recunchos máis fermosos da cidade». Ao acto de entrega de premios foron convidadas integrantes de todos os grupos que compoñen a corporación municipal.