Exposición de Xaquín Marín, o cronista gráfico non oficial da Galiza, en O Vello Cárcere
Do 19 de xullo ao 10 de outubro
Xaquín Marín (Fene, 1943) é o cronista gráfico non oficial da Galiza popular de entreséculos. A súa obra, esencialmente humanista, dunha coherencia estética e ideolóxica incontestable, funciona como manual da Historia máis recente deste impaís que habitamos.
Dende os seus inicios como pintor social e ata a actualidade como o humorista gráfico en activo de maior constancia dos últimos 50 anos vai trazando un estilo único cunha linguaxe, recursos expresivos e símbolos propios, totalmente innovador ao tempo que inequivocamente enraizado na tradición plástica galega.
No papel de dinamizador cultural e desde a dirección do Museo do Humor Xaquín Marín de Fene mantén unha defensa férrea da especificidade galega nas artes e promove a dignificación do humor en todas as súas vertentes como un dos elementos distintivos do ser galego.
A exposición itinerante que presenta en O Vello Cárcere a Federación de asociacións galegas culturais Galiza Cultura, ofrece un percorrido retrospectivo pola obra e o universo creativo dun artista tan polifacético e singular como é Xaquín Marín.
A exposición Xaquín Marín. Humor Líquido Galego, chega á cidade de Lugo despois de estrearse en abril na Coruña, como segunda parada dunha itinerancia por diversas cidades e vilas de Galiza. A exposición ten como obxectivo dar a coñecer, ao máximo posíbel na sociedade galega, a vasta obra do autor, como recoñecemento a unha longa traxectoria profesional e vital.
Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, destacou a obra de Xaquín Marín como «parte da memoria colectiva das galegas e galegos», e afirmou que o traballo de Xaquín Marín «recolle os sucesos máis importantes do noso pobo ao longo dos últimos 60 anos».
Deste xeito, e grazas un traballo minucioso de selección realizado durante este tempo, cun florilexio único e moi escollido, poderanse (re)descubrir os inicios de Xaquín Marín como pintor social e a posterior evolución na procura dunha arte xenuinamente galega, quizais a parte máis descoñecida polo público de toda a súa carreira.
Asemade, esta selección dá a posibilidade de repasar o seu vasto traballo no campo do humor gráfico e da banda deseñada e a súa incansable defensa de Galiza e da lingua galega e o seu fondo compromiso cos intereses das galegas e os galegos asistindo ao nacemento de personaxes ou series xa icónicas como Gaspariño, o Pé, Isolino, o cacique Don Augusto, Lixandre, Tonecho, Caitano ou o Xinete, pois a mostra tenta seguir os pasos do seu inabarcable labor, tamén, como ilustrador, cartelista, portadista, muralista, conferenciante, escritor ou divulgador.
Nesta mostra pódense ver algúns proxectos do autor que por uns motivos ou outros acabaron nun caixón e permaneceron até o día de hoxe inacabados ou inéditos, amosándose por primeira vez ao público, pequenas primicias que completan ao conxunto da obra xa publicada e coñecida.
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte