O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, xunto coa concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, participaron na inauguración da exposición O coñecemento no Camiño, organizada pola Liga de Asociacións de Xornalistas do Camiño de Santiago. Á inauguración acudiu tamén Benigno Lázare, presidente da Asociación de Prensa Lugo, e Pedro Lechuga, presidente da Asociación de Xornalistas de León. A edil de Cultura, Maite Ferreiro agradeceu ás asociacións organizadoras “que escolleran unha organización tan singular como é o Vello Cárcere para esta mostra”
A exposición está formada por 9 tótems triangulares, de 0.9×2 metros, nos que se aborda a orixe do Camiño, a Vía Láctea e a Migración das ocas, a primeira Banca Mundial, a enxeñaría medieval, os distintos tipos de refuxios da época, os lugares máxicos e lendas, o mapa segredo do taboleiro do xogo da oca, a mitoloxía do Camiño e as curiosidades máis interesantes da Ruta Xacobea. Ademais, as paredes do Vello Cárcere mostran unha selección de 30 imaxes dos fotógrafos navarros Villar López e Pablo Lasaosa.
A exposición itinerante chega a Lugo despois de pasar por Pamplona e o Bierzo, e poderá visitarse no Vello Cárcere. A Liga de Asociacións de Xornalistas do Camiño de Santiago está a levar esta exposición polas cidades do Camiño Francés.
Liga de Asociacións de Xornalistas do Camiño de Santiago
Fundouse en marzo do ano 2012, na Rioxa, e na actualidade está composta polas asociacións de xornalistas de Aragón, Burgos, A Rioxa, León, Navarra, Palencia e Compostela. Baixo o lema Por(x) el conocimento, MÁS(+) periodismo, reivindican o xornalismo de calidade, rigor e obxectividade.