“A memoria do son”, con fondos instrumentais e do arquivo documental do Centrad, iniciará a súa itinerancia no Museo da Catedral de Santiago de Compostela

“A memoria do son”, que reúne parte dos fondos instrumentais e do arquivo documental do Centro de Artesanía e Deseño nun formato adaptado a itinerancia e á experimentación por parte do público.

A mostra, concebida para a difusión deste patrimonio máis aló do Centrad, comezará a súa andaina no Museo da Catedral de Santiago de Compostela, onde se inaugurará oficialmente o vindeiro 29 de xuño.

O deputado Efrén Castro sinalou na presentación que “a inauguración da itinerancia en Compostela supón un gran impulso para a proxección e recoñecemento da colección e do traballo realizado no Centrad internacionalmente” 

O Museo da Catedral de Santiago de Compostela será o primeiro destino dunha itinerancia que continuará nos vindeiros meses por distintos concellos, entre eles, Sober, Monforte, Ribadeo, Cervantes, Cervo e Fonsagrada.

O coordinador da Colección de Instrumentos Musicais do Centrad e comisario do proxecto “A memoria do son”, Luciano Pérez, sinalou que “a
exposición ofrece a posibilidade de contemplar unha ampla representación dos instrumentos musicais máis populares en Europa, desde os albores do
século XII ata finais do século XIII”.

A mostra inclúe unha giga, unha rota, unha cítola, unha viola de perna, unha viola de brazo, unha zanfona e un organistro, construídos a partir de documentación iconográfica e literaria conservada en pequenas igrexas, mosteiros e catedrais. Os fondos instrumentais complétanse con melodías accesibles, a través de códigos QR, proporcionando a oportunidade de escoitar o son de cada un deles.

Luciano Pérez Incidiu na “vontade divulgadora do proxecto, que pretende chegar a todo tipo de público desde alumnado de centros educativos ata
músicos, mestres artesáns e investigadores”.

Precisamente, pensando no público non especializado, a mostra complétase con propostas interactivas e materiais lúdicos. Así, as persoas que a visiten poderán interpretar melodías de cantigas de Afondo X e Martín Códax nun salterio. De cara ao público máis novo, ofrécense dous pasatempos -un crebacabezas e un encrucillado- que incorporan os contidos da exposición de forma lúdica.

Ademais, a exposición conta cun catálogo, en catro idiomas, editado en papel pero tamen dispoñible para descargar, en formato pdf, na páxina web do Centro de Artesanía e Deseño

Eventos en Lugo