A Domus Mitreo mantén intacto o seu atractivo turístico

O Museo Universitario A Domus do Mitreo achega novos segredos da historia de Lugo a través dunha remodelada e ampliada sala de exposicións concibida como escaparate da historia e non como depósito de pezas, cuxas fondos permiten ao visitante viaxar a través do tempo e achegarse e coñecer a vida cotiá
da domus, a súa función administrativa ou, entre outros episodios.

A escolma dos restos achados na escavación dos terreos sobre os que se asenta a Domus do Mitreo musealizados e agora expostos privilexian o material romano, posto que este período é o máis relevante, aínda que prestan especial a etapas posteriores, especialmente as que abranguen desde a época medieval ata o pasado século XX. 

Dopico Caínzos, directora científica deste museo universitario do Campus de Lugo e profesora de Historia Antiga da USC, explica asemade que os resultados da análise en profundidade do material da escavación realizada polo arqueólogo Celso Rodríguez Cao e recollidos na súa tese de doutoramento enriquecen esta mostra, dado que achegan información útil para precisar a tipoloxía, cronoloxía ou a funcionalidade dos elementos e pezas máis representativas.

A ampliada sala expositiva deste singular xacemento mitraico inclúe por vez primeira a segunda inscrición romana achada, unha inscrición de época temperá, da primeira dinastía, a Xullo-Claudia, quizais dedicada a Xúpiter, segundo apuntan as pescudas xa feitas.

Os elementos incluídos nesta mostra pretenden artellar un discurso expositivo sinxelo, que sexa comprensible para calquera persoa que careza de todo coñecemento sobre o mundo romano. Queremos, subliña a profesora Dopico Caínzos, que calquera persoa, independentemente da súa idade, formación ou cultura saia do museo cunha idea xeral do que foi esta domus. 

O espazo expositivo dedicado ao mundo romano divídese en dúas partes. A Sala I recolle material da domus que contribúe a establecer a súa cronoloxía e traslada ao visitante á vida cotiá da época, desde as tarefas produtivas aos xogos, os adornos/obxectos médicos e os da statio ‘oficial’. Esta sala acolle os vidros de botellas cadradas cuns fondos decorados que resultan rechamantes (unha folla ou un animal fantástico), as fichas de xogo ou os ósos cortados que eran utilizados como materia prima (das agullas ou das fichas, por exemplo). Na parte da statio hai uns botóns decorados dun gusto refinado ou
a caixiña de selo de correspondencia oficial, relata Dopico. 

A sala III é a do mitreo e presenta notables diferenzas coa anterior. Os fragmentos de vidro conservados son únicos pola súa calidade e decoración (unha xarriña verde tipo ‘oinochoe’, unha copiña branca con motivos mitraicos: serpe, ou prato ‘irisado’). Este espazo amosa tamén os restos dos ósos que nos achegan ao que era o ritual principal do mitraismo, ao tempo que rescata outros produtos de luxo, como o son as ostras. A ánfora, unha peza que quizais teña  orixe oriental, o morteiro de mármore ou o selo, concibido como elemento principal deste espazo, son outras pezas que dan conta da exquisitez que rodeaba o mundo do mitraismo.

A exposición do material agora exhibido nas salas expositivos da Domus do Mitreo é posible grazas á “perfecta” colaboración recibida do Museo do Castro de Viladonga, segundo sinalaron a propia Dopico e o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Cultura, Internacionalización e Servizos, Jesús Varela Zapata. Estes docentes da USC manifestaron así o seu agradecemento á directora do Museo de Viladonga, Elena Varela, ás restauradoras Carolina Pérez e Silvia Illanes, así como a Felipe Arias polos seus consellos.

Eventos en Lugo