O museo universitario lugués contabiliza máis de 6.000 visitantes durante o último semestre de 2020 e a súa web eleva a decenas de miles o número de usuarios
Os recursos telemáticos e de carácter interactivo que ofrece a Domus do Mitreo, constitúen, segundo subliña a directora do museo universitario, a profesora da USC María Dolores Dopico Caínzos, unha pasarela acaída para manter e, no seu caso, estreitar a relación co público na actual situación de pandemia, durante a que a mobilidade das persoas está limitada e sempre suxeita aos requirimentos da normativa sanitaria.
Dopico comentou neste senso que a COVID-19 truncou o elevado ritmo de afluencia de público á Domus do Mitreo, un dos enclaves máis visitados do prolífico patrimonio romano que agocha a capital luguesa, outrora Lucus Agusti. Aínda así, as estatísticas de visitantes computadas durante o último semestre, constatan que o interese que esperta este xacemento romano non desapareceu por mor da pandemia.
Logo das semanas de peche obrigado trala declaración do primeiro estado de alarma e o confinamento, o Museo Universitario A Domus do Mitreo reabriu as súas instalacións ao público a mediados do mes de xuño, data desde a que recibiu 6.190 visitantes ata finais de decembro de 2020. A maioría deste fluxo de persoas rexistrouse nos meses de xullo e agosto, período durante o que preto de 4.500 persoas, máis dun 75% procedentes de fóra de Galicia, se achegaron ata o enclave arqueolóxico situado a carón da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.
O público internacional que se achegou ata o Museo Universitario A Domus do Mitreo ao longo do último semestre de 2020 experimentou unha notable diminución respecto ao mesmo período do exercicio anterior para situarse en arredor de 200 persoas, en grande medida polas restricións de mobilidade adoptados co galo da COVID-19. Asemade, o confinamento perimetral que afectou á capital luguesa durante varios meses do outono tamén deparou unha redución do número de persoas que se achegaron ata este xacemento arqueolóxico.
Fronte á obrigada redución de presenza física, o Museo Universitario A Domus do Mitreo atopou na súa web o seu principal escaparate e tamén unha canle de comunicación e intercambio de coñecemento coa sociedade. De feito, desde a posta en marcha desta bitácora virtual, que xa vén de cumprir o seu primeiro aniversario, decenas de miles usuarios accederon ás entrañas do museo universitario lugués a través da web.