O Museo de Lugo incorpora nove pranchas de gravados de Prieto Nespereira

As pezas, cedidas por Ángel Patricio Rodríguez Argibay,  complementan o discurso expositivo da sala monográfica dedicada ao gravador ourensán

O Museo de Lugo vén de recibir novas obras do gravador ourensán Xulio Prieto Nespereira (Ourense, 1986- Madrid, 1991).

Trátase de nove pranchas de cinc realizadas entre os anos 40 e 70 do século XX por Prieto Nespereira, cedidas por Ángel Patricio Rodríguez Argibay.

Concretamente, engádense aos fondos do museo dúas pranchas gravadas e asinadas polo autor, unha de 16,4 x 10 cm e outra de 25 x 31 cm, así como sete pranchas de cinc orixinais con motivos diversos e distintos formatos.

Estes bens xa se poden ver na sala 25 do MPL, un espazo monográfico dedicado ao autor dentro da sección de Debuxo e Gravado Galego que se pode visitar no primeiro andar.

A Sala Prieto Nespereira  permite coñecer todas as etapas da súa evolución dende a paisaxes fantásticas da primeira época influídas polo rico imaxinario galaico como O Peto das bruxas, as paisaxes naturalistas galegas como Praza do Campo, Camino de Covas, Santiago de Compostela, nas que segué o ronsel de Castro Gil, ata a produción non imitativa dos últimos anos.

Xulio Prieto Nespereira

(Ourense, 1896-Madrid, 1991)

O artista ourensán Xulio Prieto Nespereira foi fundamentalmente gravador, aínda que tamén cultivou a pintura e a escultura. 

Creador dunha obra longa e fecunda, Prieto Nespereira comeza a súa incursión no mundo do gravado en 1921 e algúns estudosos da súa obra distinguen cinco etapas na súa evolución estética. Unha traxectoria que o leva dende as formulacións figurativas, naturalistas e galeguistas da primeira e a segunda etapa (ata 1950) deica a procura da abstracción da última (1962-81) pasando entre 1950 e 1962 polos seus ensaios de nova figuración bascados nunha esquematización de raizame cubista e nun último momento en ensaios dun forte expresionismo.

A súa actividade como gravador é a propia dunha personalidade inqueda e activa que a cada paso vai dotando a súa obra dunha impronta máis persoal, avanzando na procura de novas técnicas e texturas e novas temáticas (series ñas que afonda sobre asuntos concretos: peixes, bodegóns, o misterioso mundo das pinturas negras de Goya polas que chegou a interesarse intensamente…).

Por outra parte o seu traballo de promoción e desenvolvemento do gravado foi impresionante: Fundou con Castro Gil e outros o grupo «Los 24» e formou parte da Asociación Española de Artistas Gravadores e dos Salóns do Gravado, onde suceden como director a Castro Gil.

Maite Ferreiro xunto a Ángel Patricio Rodríguez Argibay e persoal do Museo

Maite Ferreiro  agradeceu a xenerosidade de Ángel Patricio Rodríguez Argibay, que coa súa achega permite ampliar e complementar o discurso expositivo da sala monográfica Prieto Nespereira, creada a finais dos
oitenta con obras doadas polo propio autor ao Museo de Lugo, dezanove gravados realizados coa técnica do augaforte e unha escultura