O Museo Provincial de Lugo, a través do seu programa Acordanzas, lembra ao pintor José Otero Abeledo, Laxeiro, de quen o 21 de xullo do presente ano cúmprense 25 anos da súa morte.

Laxeiro é un dos máis coñecidos e recoñecidos pintores de Galicia e sen dúbida un autor esencial na arte galega do século XX. Un artista de longo percorrido e extensa produción, capaz de transitar con naturalidade da figuración á abstracción, da tradición ás propostas novas. De manter diversos rexistros expresivos e de singularizarse respecto a moitos dos artistas da súa época.

É autor dunha densa obra arraigada na cultura e a historia de Galicia e moi comprometida co seu tempo. Incorporou ao seu traballo as formas artísticas e iconográficas do pasado, en particular a plástica medieval e as imaxes do Barroco. Vémolo por exemplo nos seus cadros de figuras de formas escultóricas, redondeadas, pesadas, rotundas, bastas, cun tratamento pictórico que intencionadamente suxire a materia pétrea. Que por medio da pintura interpretan as esculturas en pedra do Románico galego, a “estética ou figuración granítica” que caracteriza gran parte da súa obra.

CADROS DE LAXEIRO NO MUSEO PROVINCIAL

Laxeiro está escasamente representado no Museo Provincial. Con todo, desde 1980 o centro lucense conserva catro obras do autor que foron adquiridas nese ano á Galería Citania de Santiago de Compostela. Trátase de catro debuxos sobre papel executados con distintas técnicas que nos aproximan ao seu singular mundo creativo e permítennos apreciar algunhas das súas principais características.

As catro obras están asinadas pero só nunha delas aparece o ano de realización. En todo caso, as catro son pezas de madurez, e podemos considerar que
pertencen probablemente aos seus traballos de finais dos anos 60 e a década dos 70. En canto aos temas, dous dos debuxos dan mostra de dúas constantes na obra de Laxeiro, o retrato e a maternidade. En Cabeza de neno aínda pervive o artista máis tradicional e preocupado pola representación, pero que manexa con soltura a liña e a mancha, as sombras e as luces, para insinuar as faccións, sen definilas, e dar volume ao rostro. En Maternidade o debuxo é máis esquemático, “picassiano”, potenciado polo uso da tinta negra, un medio que utilizaría con frecuencia e co que séntese moi cómodo. A fluidez da tinta permítelle unha execución rápida, manexar con soltura o pincel e combinar as liñas de distintos grosores e as manchas opacas, de negro profundo, coas gamas de grises augados.

Nos debuxos, como nas pinturas, afai cubrir a maior parte da superficie, neste caso do papel. Ás veces adoita valerse tan só do trazo gestual para encher os
ocos. Pero tamén sabe xestionar os baleiros, respectar as zonas que deixan á vista o branco do papel. Nun dos debuxos, a obra Sen título utiliza
principalmente a técnica do pastel e entra en relación directa coa pintura, tanto pola aplicación da cor como pola disposición do grupo de figuras deformes,
grotescas, apiñadas, común en boa parte das súas composicións pictóricas. Unha maraña de liñas orgánicas que conectan cos seus cadros expresionistas, aqueles nos que despregou un particular imaxinario de lendas, mitos e ritos, contos populares, contos de cegos; festexos e celebracións, romarías e entroidos que manexou cunha linguaxe renovadora.

Dos catro, o debuxo titulado Cristo é seguramente o que se atopa máis ao límite entre a figuración e a abstracción. Esta peza de pequeno formato, que entronca co tema relixioso, outra das preocupacións do pintor, proporciónanos unha mostra clara da capacidade do artista para articular ambos rexistros e é o deseño que mellor poderiamos relacionar co informalismo, que tanta influencia tivo na
evolución da obra de Laxeiro. A obra está asinada e datada en 1978.

Os debuxos de Laxeiro do Museo Provincial son significativos e orientativos de parte da súa produción e evidencian unha personalidade creativa extraordinaria, versátil e intuitiva. Non permiten valorar a magnitude do pintor, pero convidan a profundar no personaxe e a súa obra.