Os museos de Lugo abrirán de novo a finais de xuño. Así o anunciou a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, na súa visita ao Pazo de Tor, onde se ultiman as normas a prol da saúde colectiva coas que se reabrirá o museo.

Maite Ferreiro contrastou co persoal da Rede Museística as medidas que se adoptarán para o control do aforo e a definición dos percorridos de cara a previr o contaxio da Covid-19, tanto en Tor coma nos outros tres museos da Rede Museística, que xa contan con dispensadores de xel hidroalcohólico, alfombras desinfectantes e sinalética para marcar o distanciamento físico.

A vicepresidenta visitou as estancias do pazo e as dependencias anexas -onde se ubicaban as cortes dos cabalos, a cocheira ou as salas de torneos e gornicións- e interesouse pola contorna da edificación, unha finca dunhas 200 hectáreas de gran valor paisaxístico e natural.

Maite Ferreiro referiuse á recente declaración do pazo como Ben de Interese Turístico Cultural (BIC) e subliñou “o obriga de protexer os elementos do noso patrimonio cultural e natural” . Nesa lña, expuxo o compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa protección e conservación do pazo que, lembrou, “é un dos moitos valores que avala a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Humanidade”.

O Pazo de Tor, construído no século XVIII sobre vestixios ligados á linaxe dos Garza, está considerado como unha das mellores mostras de arquitectura dos pazos galegos. As habitacións, comedores e salóns, que conservan a distribución e estrutura orixinal, acollen tamén mobiliario, teas, vaixelas e obras artísticas que reflicten a decadencia da nobreza galega rebaixada á condición de fidalguía no devir da Idade Moderna.

A última propietaria do pazo, María de la Paz Taboada de Andrés y Zúñiga, doou á edificación e os terreos que a rodean á Deputación de Lugo no 1998. Tras unhas obras de acondicionamento e mellora, o pazo abriu as súas portas como museo o 13 de xullo de 2016. O ano pasado, o Pazo de Tor foi o museo da Rede Museística Provincial que máis medrou en número de visitantes.

Os museos de Lugo abrirán a finais de Xuño
Fonte da foto: Gab. Com. Vicepresidencia Deputación