Afundación e ABANCA inauguran o seu museo virtual Agalería coa mostra «O mar nas coleccións»
Agalería é un espazo dinámico e interactivo, pioneiro en España, con técnicas de recreación virtual que ofrece ao visitante unha experiencia única
Abre o museo virtual "Agalería", pioneiro en España

Agalería, un novo proxecto pioneiro en España no eido das exposicións virtuais ofrecerá ao visitante unha experiencia única que lle permitirá penetrarse, non só nas obras expostas, senón no propio espazo. 

O proxecto desenvolvido pola compañía galega ILUX Visual Technologies, utiliza as máis novidosas tecnoloxías 3D que permiten explorar, a través de todo tipo de dispositivos, contornas virtuais con máxima calidade visual e quen dispoña de lentes de realidade virtual poderán facer un percorrido totalmente inmersivo. Concibido como un punto de encontro entre o mar e a terra, as súas grandes ventás convérteno nun escaparate á natureza no que o espectador poderá gozar de distintas experiencias segundo o momento do día en que acceda ao museo. Cando o visitante entre no museo poderá moverse libremente e facer o percorrido expositivo tal e como elixa. Unha locución acompañaralle na visita, proporcionándolle información sobre as obras ou outros elementos de interese relacionados co proxecto expositivo.

Agalería preséntase ante o público co proxecto expositivo «O mar nas coleccións de Arte ABANCA e Afundación», unha mostra concibida especialmente para este museo virtual, conformada por 50 obras de 27 autores que forman parte das Coleccións de Arte de ABANCA e Afundación. 

«O MAR NAS COLECCIÓNS»

A exposición, integrada por un total de 50 obras de 27 autores, que forman parte das Coleccións de Arte de ABANCA e Afundación, ten como eixo temático central o mar e os océanos desde diferentes perspectivas, segundo a interpretación que realizan cada un dos artistas que forman parte da mostra, para os que foron fonte de inspiración e, en moitos casos, de reivindicación. «O mar nas coleccións de Arte ABANCA e Afundación» convida, así mesmo, a reflexionar sobre a importancia do medio mariño e a necesidade de preservar os seus recursos.

A mostra estrutúrase en catro secciones. A primeira, «Coidar, protexer e preservar», quere chamar a atención sobre a necesidade de preservar os océanos e os ecosistemas, en aras dunha convivencia harmónica das persoas e o medio. Aquí expóñense obras como As recolectoras de Francisco Leiro, unha homenaxe e denuncia #ante a catástrofe do Prestige; Mariña Gaivoteira, de Correa Corredoira; ou a Antártida
desde o mar de Weddel II, de Pamen Pereira.

A continuación, preséntase «As profesións do mar», unha exaltación dos innumerables recursos que proporciona, con obras como Mulheres non cais de Dei Cavalcanti ou Cosedoras de redes de Mario Granell. Na seguinte sección da mostra, «Natureza. Costas e fondo mariño», exponse a beleza salvaxe e pura do mar a través das recreacións de Urbano Lugrís, Germán Taibo ou Tino Grandío.

O percorrido finaliza con «Presenzas, mitos e lendas», onde se aborda a influencia humana sobre o medio así como a presenza do mar na nosa cultura na interpretación de artistas como Maruja Mallo a través da súa obra Estrella de mar, Joaquín Sorolla en
Despois do baño. Asturias ou Miquel Barceló en Le feu sur a plage.