Do 14 ao 30 de xaneiro, poderemos ver nos Codex Cinema – Caldiae
Factoría Cultural, a exposición “Renacer” da artista lucense Gema López, un conxunto de cadros descritos da seguinte maneira pola artista:
«Concibo o meu proceso artístico coma un traballo de autocoñecemento e
terapia. Ese coñecimento de mín mesma, a medida que evoluciono, vaise
extrapolando ao ser humano en xeral e ás dinámicas polas que se rixe. A
exploración emocional que o meu proxecto recolle, ao ser de base intimista, vai máis alá de tabúes e convencionalismos sociais ou culturais, amosando ao ser humano na súa contradicción e vulnerabilidade. Represento á persoa coma un corpo en constante transformación (mediante distintos recursos coma o movemento, a transparencia, a superposición ou a desintegración) e, a través do entorno natural, amoso as súas transformacións vitais. Estas metáforas visuais están presentes na lingua de forma cotiá; verbos coma florecer, murchar ou brotar así coma multitude de proverbios proban a conexión que existe na imaginería popular entre corpo/desenrolo vital e natureza. A través da mestura de elementos discordantes co realismo imperante, fago visibles as fracturas interiores ou imperfeccións e lles dou un espazo digno onde son recoñecidas. Velaí o motivo polo que considero que este tipo de arte exerce unha labor social positiva e liberadora.»
Gema López (Lugo, 1987) é licenciada en Belas Artes e Máster en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo.
Dende o ano 2006 ten participado en multitude de exposicións, tanto individuais coma colectivas, como artista plástica. Entre elas, destacan as ferias
internacionais Parallax Art Fair (Londres) ou Just Mad (Madrid), así como as salas Palazzo Foti (Italia), Académie Royale des Beaux-Arts (Bélxica), MARCO (Vigo), Auditorio de Galicia, Museo do Pobo Galego, Museo de Pontevedra, Fundación Abanca (Lugo), etc.
A súa obra plástica foi seleccionada e finalista en distintos certames estatais e internacionais, recibindo nos últimos dous anos consecutivos o premio á mellor artista local no Certame de Pintura Rápida de Lugo, o 1o Premio no Certame Xuventude Crea 2017 (Xunta de Galicia), 1o Premio no VIII Concurso de Pintura Universidade de Vigo e Accésit no XXX Certame de Pintura Concello de Cambre.
Realizou ponencias sobre arte e xénero en congresos e institucións públicas e privadas.
Actualmente, rexenta unha academia de arte en Lugo.