Salvador Cidrás e Vicente Blanco expoñen en Porto
Os artistas, docentes e investigadores da área de Didáctica da Expresión Plástica da USC na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo expoñen pezas de cerámica e debuxos no marco dunha exposición colectiva que afonda na identidade territorial e social do Noroeste ibérico
Pezas de cerámica, á esquerda, e debuxos de Salvador Cidrás e Vicente Blanco

Salvador Cidrás e Vicente Blanco Mosquera forman parte da ducia de creadores do Noroeste peninsular que dan vida coas súas obras á exposición ‘Norte Silvestre e Agrestre’, na  Galería Municipal de Porto, unha mostra colectiva comisariada por Filipa Ramos e Juan Luis Toboso.

Vicente Blanco Mosquera concorre como artista convidado a esta mostra colectiva con cinco debuxos (acuarelas e óleos), dous en gran formato, nos que pescuda na esencia do contacto, o presentimento, a vulnerabilidade das relacións que se dan na natureza.

As creacións pictóricas con imaxes abertas e ambiguas que presenta Blanco Mosquera en ‘Norte Silvestre e Agreste’ trasladan tamén ao espectador a sensación de tensión ou incerteza que se produce en episodios de coidados ou de violencia. A relación de dominación respecto da natureza é outra das ideas advertidas nestas creacións de Blanco Mosquera, segundo indica o propio artista.

Unha dimensión ou perspectiva artística diferente é a que ofrece Salvador Cidrás a través das pezas de cerámica que amosará os vindeiros meses na Galería Municipal de Porto, ata onde trasladou varias creacións esmaltadas que afondan nas múltiples posibilidades das formas orgánicas.

Xunto coa cerámica, Cidrás achega tamén achega tamén a esta colectiva algúns dos resultados do seu traballo de experimentación con distintas narrativas e texturas, tal e como é caso dun urdime de Yute, unha peza elaborada con fíos entrelazados e pintura que afonda na narrativa das formas e cores afectados pola constante contaminación. 

‘Norte Silvestre e Agreste’ constitúe, segundo indican os propios comisarios da mostra, unha exposición que recorre camiño e liñas de intensidade, forzas centrífugas que van alén de Porto, cara ás supostas marxes nas que estalan os intercambios para descubrir e compartir as referencias, historias, palabras e as conexións entre estes lugares con largo pasado e un futuro aínda máis longo.