Mostra que salienta a pegada de 10 mulleres galegas na Facultade de Humanidades

A exposición ‘PIONEIRAS. Os dereitos en Galicia: unha historia de mulleres’, elaborada por alumnado do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural,  recolle a traxectoria de dez mulleres desde o século XIV ata a actualidade.

A Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC pon o foco na defensa dos dereitos humanos coa mostra ‘PIONEIRAS. Os dereitos en
Galicia: unha historia de mulleres’.

A exposición, elaborada por alumnas de último curso do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural matriculadas na materia Ética Aplicada á Produción e a Xestión Cutural, que imparte a profesora Beatriz Fernández Herrero, presenta ao público visitante unha escolma de defensoras galegas co obxectivo de dar a coñecer a súa pegada e o esforzo realizado para avanzar na progresiva conquista dos Dereitos Humanos, tantas veces
reivindicados e defendidos por mulleres de todo o mundo, moitas delas silenciadas e ou invisibles.

Fernández Herrero, á esquerda, con alumnas do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural. Foto. Gab. Com. USC

As pioneiras ás que fai referencia a mostra inaugurada na Facultade de Humanidades distínguense polo súa loita a prol de diversos dereitos como á educación, á non discriminación, á liberdade, lingüísticos e medioambientais, entre outros. 

De feito, esta exposición recolle a traxectoria de dez mulleres desde o século XIV ata a actualidade, entre as que cómpre citar as tres irmás Touza, que axudaron a fuxir a moitas persoas xudías que, perseguidas polo nazismo, chegaban a Ribadavia na procura dunha ruta cara a lugares nos que a súa vida non estivera ameazada, ou Mafalda Souto, quen dedicou a súa actividade científica a investigar para mellorar a vida das persoas albinas dalgúns países de África, nos que as persoas que presentan estas características, ademais de ter un risco elevado de padecer un cancro de pel, son perseguidas e mutiladas.

Outra das singularidades que presenta ‘PIONEIRAS’ é a accesibilidade para todos os públicos, dado que os promotores desta iniciativa optaron por incluír un código QR que permite ás persoas con diversidade intelectual a lectura de todos os contidos. Esta ferramenta posibilita asemade acceder a unha versión estendida e completa de todos os textos recompilados.