Aberta a participación no «Certame de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo»
O concurso está aberto a todas as rapazas e rapaces de 12 a 18 anos matriculados en calquera dos centros educativos de Lugo

Maite Ferreiro, concelleira de Cultura anunciou a posta en marcha do XXIX Certame de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo, no que poderán participar todas as rapazas e rapaces de 12 a 18 anos dos centros de ensino de Lugo.

«Trátase dunha cita consolidada xa no calendario lucense e na que cada ano vemos a gran capacidade creativa da mocidade do concello», declarou Maite Ferreiro.

Cada persoa poderá presentar un máximo de tres relatos, que terán unha extensión máxima de 3000 palabras. O Certame está dividido en dúas categorías, de 12 a 14 e de 15 a 18 anos, con tres premios cada unha.

As persoas gañadoras recibirán un diploma e un lote de libros, e a maiores repartiranse premios de distintos valores segundo as categorías. Se, ademais dos traballos premiados houbese, a xuízo do xurado, outras obras merecedoras de recoñecemento, poderanse outorgar mencións honoríficas.

Os relatos poderán presentarse até o 23 de decembro de maneira telemática, no enderezo electrónico da Concellería de Educación (educacion@lugo.gal) ou de maneira presencial nas oficinas da concellería, no centro de convivencia Uxío Novoneyra.

Premios por categorías:

CATEGORÍA DE 12 A 14 ANOS

 1º Diploma, lote de libros e premio de 200 €.

 2º Diploma, lote de libros e premio de 100 €.

 3º Diploma, lote de libros e premio de 70 €.

 CATEGORÍA DE 15 A 18 ANOS

 1º Diploma, lote de libros, e premio de 250 €.

 2º Diploma, lote de libros, e premio de 130 €.

 3º Diploma, lote de libros, e premio de 100 €