Lugo e os seus arredores centraron as viaxes fotográficas do lucense Carlos Válcarcel entre finais dos cincuenta e comezos dos oitenta. De entre máis de 8.000 negativos publicánse agora 197 imaxes no libro presentado na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos, “Carlos Valcárcel. Fotografía etnográfica 1960-1980”, publicado pola editorial Canela coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo.

O libro, con texos de Ramón Montesinos e Eduardo Ochoa,  forma parte da colección “Imaxes dun país” da que xa se publicaron “Aldeas sen voz” de Vicente Ansola e “A idade de ferro” de José M. Salgado.

Na escolma fotográfica hai escenas dos traballos no campo e no mar, dos oficios e a industria artesanal, das feiras, festas e celebracións relixiosas, do comercio, da música, de persoas que se deixan retratar en diferentes situacións e de escenas “roubadas”… dos artesáns que traballaban nos desaparecidos cubertos pegados á muralla de Lugo e así ata case 200 imaxes fiel reflexo da cultura galega.