Os primeiros anos da fotografía e os primeiros fotógrafos de Lugo, estudiados por Eduardo Ochoa. "LUIS TOSAR, o descoñecido máis coñecido" homenaxe da Semana de Cine por Manuel Curiel.
O grupo Fotocinematográfico Fonmiñá – fotografía e cine- fai valer as dúas artes proclamadas no seu nome e, con motivo das últimas Semanas de Cine, orienta as súas publicacións a potenciar a grandes do cine lucense ou galego, pero tamén a honrar a pioneiros que fixeron historia fotográfica, e a divulgar anacos desta historia que a todos interesan e afectan.
Eduardo Rodríguez Ochoa, responsable de fotografía de Fonmiñá, destacado fotógrafo e investigador do mundo da imaxe, pescuda nesta ocasión nos comezos da arte da fotografía na capital lucense, para dar a coñecer a actividade naqueles tempos heróicos, e proporcionar nomes que non poden ser esquecidos por ser os primeiros “Señores da luz” de Lugo, e como tales dignos de figurar na nosa historia cultural e social.
Hai xeral consenso de que o nacemento da fotografía é un fito social de primeira magnitude, establecendo un antes e un despois no decorrer da historia que ata ese momento especial foi contada e desde entón puido ser testemuñada e vista, quedando os acontecementos rexistrados para sempre.
Lugo entrou na historia visual –comezou a ter historia visual- a mediados do século XIX, e desde entón temos probas de moito do que aquí aconteceu, abrindo mundos novos á nosa imaxinación e enriquecendo a nosa historia.
Deso queda constancia neste libro de Eduardo Rodríguez Ochoa, que se comezará a difundir de inmediato a través das institucións patrocinadoras e colaboradoras da 42ª Semana de Cine de Lugo.
Dentro da colección de libros SEMANA DE CINE DE LUGO, o Grupo fotocinematográfico Fonmiñá ven de publicar LUIS TOSAR, O DESCOÑECIDO MÁIS COÑECIDO, obra de Manuel Curiel, director da Semana de Cine desde a súa creacion en 1979.
O libro, de 176 páxinas, a toda cor, é un estudio sobre a vida e a filmografía deste actor, oriundo do concello de Cospeito, onde naceu no pobo de Xustás o ano 1971.
Luis Tosar xa ten sido homenaxeado na Semana de Cine de Lugo, coa que mantén estreita relación desde os seus primeiros tempos no cine, pero este 2020 coidouse o momento – data a traxectoria fulgurante do actor- de facer un “suma e segue” no seu labor no mundo da imaxe, e dar conta do que ata este momento ten acreditado na sétima arte.
O libro leva un prólogo de Mavisa Rodríguez López, profesora de LuisTosar no Instituto, descubridora do Tosar actor, que indica que a súa misión “consistíu en animalo a perseverar por ese camiño que, como vemos, foi quen de se labrar e chegar ao máis alto”.
Curiel, con este libro, continúa coa súa traxectoria de investigación e divulgación de lucenses ou galegos relacionados coa sétima arte, destacando os seus traballos relacionados con Prudencia Griffell, Frank Braña, Carmen Correa, Eduardo Fajardo, Manuel Lourenzo… e máis recentemente, Rosario Durcal ou Antonio Mourelos.
O libro complétase cun magnífico debuxo de Caxoto, cunha visión ben persoal do noso homenaxeado.
A súa tirada de 1.000 exemplares, será distribuído aos interesados na publicación a través das entidades patrocinadoras e colaboradoras da Semana de Cine.