«Perder o norte» (Editorial Galaxia), é a primeira novela que publica María Quiroga, e coa que gañou o Premio Illa Nova de Narrativa 2025.
O xurado destacou que «Perder o norte é unha novela cun estilo moderno que dialoga co xénero dramático para tratar asuntos de actualidade como a saúde mental ou a dor.
A historia afonda na relación íntima das personaxes protagonistas e, a través delas, esculca nese sentimento ata a emoción.
Esta historia transita diversos territorios, físicos e emocionais, dende as paisaxes luguesas da nenez, ata a xeografía itinerante que percorre a protagonista. Estas referencias espaciais, xunto con outras artísticas, literarias, musicais, constrúen un potente retrato xeracional.
A autora exhibe un estilo poderoso e coidado para narrar o proceso de crecemento da voz narradora.”
SINOPSE:
A perda dunha persoa querida de maneira inesperada, os recordos que golpean a memoria, as palabras que non se din, os encontros que adiamos e a culpa que aparece irremediablemente.
Unha viaxe en bicicleta para ordenar os pensamentos, tempo a soas para conectar con unha mesma e tamén para trabar conversa con persoas descoñecidas que emprenden o Camiño de Santiago coas súas propias mochilas persoais.
O rodar e a auga salgada de mar como catarse. Perder o norte é unha viaxe poderosa por diversos territorios físicos e emocionais.
MARÍA QUIROGA
(Lugo, 1992)
Escribe desde nena. Estudou Neurociencias en Edimburgo e Medicina en Madrid. En 2020 residiu na Fundación Gala para
Creadores Novos. Vive en Suíza onde pedalea, corre, nada e investiga os efectos do cambio climático na saúde mental.





























