ABRIL 2018 A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, participou este mércores na presentación do libro Doce cartas a María Victoria Moreno xunto á propia autora da publicación, Ánxela Gracián. 

A presentación, que tivo lugar no auditorio do Vello Cárcere, contou cun acompañamento poético-musical a cargo de Aroa Millares e membros da Banda Infantil de Música de Rábade. No acto tamén estiveron presentes, a editora, Laura Rodríguez, e o ilustrador, Antonio Seijas, entre outros.

No acto de presentación, Carmen Basadre puxo en valor este traballo pola súa achega literaria ao mundo da cultura e lingua galega.

María-Victoria-Moreno-Vello-Cárcere-Viva-Lugo-

A obra, para público a partir de 10 anos, ten como protagonista ao lobo Garimoso, ese animal creado por Moreno na súa primeira novela, qe agora decide escribir 12 cartas á súa creadora, coa que lembrará a infancia e mocidade da propia autora ou a súa concepción da docencia. É polo tanto unha biografía literaria.

Partindo dunha documentación verificable e de feitos efectivamente acontecidos nun tempo e nun espazo, o libro achéganos -cunha narración áxil e imaxinativa na que destacan os diálogos e as fermosas ilustracións que atraerán ao público infanto-xuvenil- á vida auténtica e ao legado literario da escritora.

María-Victoria-Moreno-Vello-Cárcere-Viva-Lugo-

A autora

Ánxela Gracián traballa como tradutora, mais no tempo que lle queda libre traduce literatura e escribe, a súa verdadeira paixón. Traducir permítelle afondar máis polo miúdo nas palabras dos mestres entendendo a tradución literaria como a mellor lección de literatura. Grazas ao seu traballo hoxe falan en galego autores e autoras universais como Marguerite Yourcenar, Jean-Paul Sartre, Jules Verne, Hugo Pratt, Jean Giono, María Teresa Andruetto, João Manuel Ribeiro, etc. Como escritora publicou contos para nenos como Cos petos cheos de cinza, Chis chisgarabís, A toupiña cegarata, As bolboretas douradas, Xoaniña rei-rei, cando casarei, Camiño solitario, Pinga de choiva, Carrapeto, As palabras do silencio, así como as novelas xuvenís Eu tamén fun peliqueiro de Laza e o libro de poemas Paisaxes de pan.

O Día das Letras Galegas 2018 está dedicado á escritora e profesora María Victoria Moreno, pioneira da literatura infantil e xuvenil en Galicia

Licenciada en Filoloxía Románica, (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005), chegou a Galicia no ano 1963 como profesora. Unha década máis tarde, en 1973, publica Mar adiante, considerada unha das obras pioneiras da literatura infantil galega. Ata o seu pasamento, a escritora estivo comprometida co ensino da lingua e da cultura galegas. Cultivou a narrativa –nomeadamente a infantil e xuvenil–, o ensaio, a poesía, os estudos literarios e a didáctica da lingua e da literatura galegas.