A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e Toño Núñez, coordinador da revista, presentaron o número 22 da Revista Lucense de Creación Poética Xistral. “Trátase dunha cita anual ineludible coa literatura e coa poesía, unha publicación que nace da cidade para mostrarse ante ela“, declarou Maite Ferreiro.

As obras de 77 poetas conforman este número, que conta con máis de 100 poemas de diferentes estilos acompañados das ilustracións de Luisa e Conchita Paz Montenegro. A coordinación deste número estivo en mans de Toño Núñez, e o consello de redacción estivo formado por Luz Pozo Garza, Marica Campo, Claudio Rodríguez Fer, Olga Novo e Maite Ferreiro.

“Xistral é unha revista que ten á pluralidade como denominador común”, declarou Maite Ferreiro, que engadiu “nas súas páxinas atopamos poetas de todas as idades, procedencias e con traxectorias poéticas e vitais moi diferentes, desde referentes na poesía galega contemporánea ata novos valores da creación poética”.

Xistral foi creada no ano 1949 por Manuel María, e recuperada e posta en circulación cunha nova vida e unha edición anual ininterrumpida desde o ano 2000.

Referentes da poesía galega e novos valores na revista "Xistral".
Fotografía: Gab. Comunicación Cultura.