OUTUBRO 2018 Esa metade da humanidade que corresponde ao xénero feminino soe aparecer nos documentos de todo tipo subordinada ao masculino; por tanto, subordinada ao poder político e relixioso, sen ou con escasa liberdade de decisión ou de acción, confinada a funcións subalternas que se reflicten en todas as formas de transmisión de valores e de coñecementos. Tamén os diferentes xéneros da literatura de tradición oral proxectan ese papel secundario da muller, esa imaxe de ser dependente cando non reprobábel se non se comporta consonte o canon imperante.
Para recuperar, pero sobre todo para actualizar ese saber herdado, nesta undécima edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral tentamos, cos coñecementos e investigacións de recoñecidas especialistas na materia, propoñer unha reflexión crítica ao conxunto da sociedade sobre o rol tradicional da muller na nosa cultura popular.
27 de outubro de 2018
Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (Rúa San Marcos, 8,27001, Lugo)
Programa
10.30-11.30 Conferencia A muller habelenciosa dos contos orais: Princesas e labregas – Camiño Noia
É probabelmente a través dos contos populares tradicionais como se difundiu a imaxe arquetípica da muller na cultura tradicional: xeralmente, ou aparece como princesa (fiel esposa, fermosa, obediente…) ou como representación do pecado (mala esposa ou nai, ser vicioso asociado ao demoníaco). Mais tamén, en menor número de relatos, podemos atopar protagonizando estes contos outras mulleres capaces de resolver con eficacia as situacións máis complexas.
Mª Camiño Noia Campos foi catedrática de Literatura Galega na Universidade de Vigo e agora é catedrática emérita.
Na súa longa vida académica ten publicados libros e artigos sobre diferentes temas da literatura galega, como a Nova Narrativa Galega, a poesía de mulleres e de Cunqueiro, a narrativa de Casares, etc.
E no tema da literatura oral, que é o que nos convoca, leva anos dedicada á clasificación do conto galego de tradición oral. E neste ámbito, ten publicado os seguintes libros.
Contos galegos de tradición oral (Vigo: Nigratrea, 2002), que tivo dúas edicións en galego e unha versión reducida en castelán, Cuentos gallegos de tradición oral (Vigo: Nigratrea, 2003).
En 2010 publica o Catálogo tipolóxico do conto galego (Universidade de Vigo: Servizo de Publicacións). Unha extensa obra de máis de 1000 páxinas, resultado dun proxecto de investigación financiado pola Xunta de Galicia.
Desde o ano 2004 pertence ó «Groupe de Recherche Européen sur les Narrations Orales», GRENO, e ten compartido dúbidas en xornadas de traballo en diversos países: Francia, Cataluña, Grecia, Portugal, Galicia, Baleares… Froito da xuntanza organizada en Galicia (Mondariz e Santiago) en 2012, sae o libro Imaxes de muller. Representación da feminidade en mitos, contos e lendas, do que é coordinadora (Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo).
11.30-12.30 Conferencia Muller que sabe latín, non serve para min -Estefanía A. Lodeiro Paz
No refraneiro popular, usado recorrentemente como fonte de sentenzas, aparece ben definido o rol que se lle atribuíu á muller tradicionalmente. Un retrato tantas veces cruel que, contra o que poida parecer, non debuxa a verdadeira realidade da muller senón o lugar que lle reserva unha forma de pensar machista e opresora.
Estefanía A. Lodeiro Paz. Avogada do Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, experta en Dereito de Familia e Sucesións pola Facultade de Dereito de Santiago de Compostela e Máster en Malos Tratos e Violencia de Xénero da Universidade Nacional de Educación a Distancia. Colaboradora da Academia Galega de Seguridade Pública e do SERGAS, onde impartiu formación sobre protocolos de actuación nos casos de violencia contra as mulleres.
Actualmente desenvolve a súa actividade como avogada no Centro de Información ás Mulleres do Concello de Teo (A Coruña), prestando asesoramento xurídico en asuntos civís, penais, contenciosos e laborais. Tamén imparte obradoiros, charlas e cursos sobre distintos campos xurídicos, así como en temas relacionados coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, en centros educativos, organismos públicos e asociacións.
Premiada na XIV edición do Premio Elisa Pérez Vera en estudos de xénero da UNED polo seu traballo de investigación sobre muller, xénero e feminismo: La violencia de género en el refranero gallego.
Colabora con distintas entidades e asociacións, como o Museo do Pobo Galego, do que foi representante dos socios e socias no seu Padroado.
12.30-14.00 Mesa redonda A muller imaxinada como paradigma da muller de carne e óso – Camiño Noia e Estefanía A. Lodeiro Paz – Coordina: Antonio Reigosa
A conxunción das reflexións das dúas investigadoras permitirá ao público asistente afondar no papel que tivo a literatura oral como ferramenta de control social da muller.
16.00-17.00 Conferencia Meigas: as mulleres sanadoras contra a orde masculina – Anxos Sumai
Se hai algúns personaxes femininos case descoñecidos, contra a opinión xeneralizada que cre o contrario, son as chamadas meigas ou bruxas. As mulleres que se dedicaron á medicina tradicional, con grandes coñecementos de herbas e outros remedios curativos foron demonizadas e convertidas en sacerdotisas do Demo. A verdade é outra. O seu saber foi fundamental para a saúde da humanidade.
Anxos Sumai naceu na aldea de Oeste, en Catoira, en 1960. Estudou a carreira de Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela e especializouse en Biblioteconomía, Arquivística e Documentación. Dende 1985 traballa como bibliotecaria e documentalista, desenvolvendo a súa actividade na Biblioteca Nodal e no Museo Provincial de Pontevedra. Actualmente coordina a Área de Documentación do Consello da Cultura Galega.
Colaboradora de distintas publicacións nos oitenta e noventa, a súa actividade literaria desenvolveuse na rede dende o ano 2001 no portal culturagalega.org, onde tivo as seccións “Anxos e diaños” –compartida con Roberto Ribao-, “Anxos de garda” e “Crítica da memoria pura”. Na revista Guía dos libros novos contou coa sección propia “Hemisferio Oeste” e no Diario Cultural da Radio Galega tivo o espazo “Somos perigosamente normais”.
Ademais de publicar relatos en numerosas revistas e xornais, participou en libros colectivos como Pano de Lona (Arquivo Pacheco, 2005), Fisuras no cotián. Nove narradoras no relato de Xénero (Xunta de Galicia, 2006), Ghats e 24 10 06 (Candeia, 2007), Educación e Paz III. Literatura galega pola Paz (Xerais, 2008), Cartas de amor (El Patito, 2010), Camiñan descalzas polas rochas (TrisTram, 2010), Cociñando ao pé da letra (Galaxia, 2011) e no texto teatral Emigrados representado pola compañía Teatro de Ningures que mereceu un premio Max en 2008.
Como narradora publicou Anxos de garda (A Nosa Terra, 2003), Melodía de días usados (Galaxia, 2005), Así nacen as Baleas (Galaxia, 2007), Perigosamente normais (Universidade de Santiago de Compostela, 2008), Fedya Sergéevich derreteuse de amor (Augatinta, 2010) e A lúa da colleita (Galaxia, 2013).
17.00-18.00 Conferencia Pendentes de Ouro Negro – Grupo de traballo Mulleres e Wolframio (Faia Díaz Novo e Helena Salgueiro Golán)
Os traballos e os días das mulleres. Neste caso, a través da literatura, dos cantos e contos, imos coñecer o quefacer de mulleres que traballaron duramente na extracción do volframio, metal que deu de comer a moitos e moitas dos nosos avós e avoas, e que foi materia prima para fabricar armamento destrutivo na última grande guerra mundial.
O grupo de creación Mulleres e Wolframio nace no contexto das Xornadas de Investigación Compartida coa artista plástica Eva Lootz, organizadas dende área de educación do CGAC con motivo da exposición Cut Through the Fog, en novembro do 2016. Inicialmente indagando no papel das minas de volframio en Galicia durante a Segunda Guerra Mundial, así como nas repercusións que a extracción dese metal tivo no tecido social galego, o grupo de traballo centrouse no papel das mulleres. Realiza dende comezos do 2017 un proceso de documentación e investigación que pon a mirada nas experiencias concretas de ex traballadoras da mina, nas súas lembranzas, músicas e sentimentos. Conforman este grupo:
Helena Salgueiro Golán, actriz e poeta nada no 1995 en Compostela.
Publicou os poemarios Intermitencia da cidade (2012, Edicións Fervenza), gañador do premio Avelina Valladares, e as flores (2016, Concello de Padrón), gañador do premio Rosalía de Castro. Participou nas obras colectivas Antoloxía de Expansión (2013, Editorial Bubela), Antoloxía Transcendental (2014, Editorial Bubela) e No seu despregar (2016, Apiario). Como actriz e directora, fundou no 2012 a asociación cultural GN TEATRO (premio Xuventude Crea 2016), e realizou performances para Chan da Pólvora, Auditorio de Galiza, etc. Tamén participou en varias curtametraxes e mantén o proxecto Vox in Música de contacontos, poesía e música co músico Ariel Ninas.
Patricia Coucheiro González (Antas de Ulla, 1990), licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela na especialidade de Guión e Dirección Cinematográfica. No ano 2012 realiza o Mestrado de Profesorado de Educación Secundaria, interesada nas implicacións educativas que a linguaxe audiovisual exerce especialmente no ámbito rural. A partir dese momento, leva a cabo varios proxectos colaborativos con centros educativos e asociacións a través da experimentación con creacións audiovisuais. No 2016-2017 cursa o Mestrado en Arte contemporánea (Investigación e Creación) da Universidade de Vigo e ve a luz Amarante, unha proposta de cine-ensaio na que se propón unha inmersión persoal na memoria dunha pequena aldea da Comarca da Ulloa, na provincia de Lugo.
Faia Díaz Novo (Santiago de Compostela, 1988), cantante e licenciada en Historia da Arte pola USC. Foi bolseira na Habana, Perugia e Barcelona onde cursou estudos de etnomusicoloxía, cine e crítica artística. Realizou un curso de Dixitalización do Patrimonio Artístico pola UNED e un Mestrado en Xestión do Patrimonio Arquitectónico, Museos e consumo de Arte, pola USC. No 2015 traballouna Biblioteca de Galicia, catalogando e dixitalizando os fondos antigos da mesma. Como cantante, é fundadora e integrante do grupo musical De Vacas dende o ano 2015, e do Coro Encaixe. Tamén traballa na locución e gravación de diferentes materiais didácticos para o ensino en galego dende o ano 2013. Coa contadora Vero Rilo participa no proxecto A Patacón, onde mistaran narración e canción sobre historias familiares de tradición oral.
18.00-19.30 Mesa redonda Botando as contas da leiteira. Fantasía ou crúa realidade? – Anxos Sumai e Grupo de traballo Mulleres e Wolframio – Coordina: Lois Pérez
Nesta mesa redonda afondaremos nos arquetipos femininos na literatura de modo que poidamos percorrer a complexa estrutura simbólica da nosa cultura. Así mesmo, veremos o papel activo da muller na literatura de tradición oral e a súa transmisión.
19.30-20.30 Sesión práctica Regueifa 2.0. Educando en igualdade – Alba María e Lupe Blanco
Se hai algún xénero idóneo para representar o malestar social ese é a regueifa. Neste caso, a diferenza do costume de seren os reguefeiros homes, e tendo en conta o tema xeral da xornada, convidamos mulleres mozas que se dedican a regueifar e a representar as reivindicacións de xénero usando como soporte este modo tradicional de facelo.
Alba María. Cantora, produtora, compositora e improvisadora oral galega. Con 18 anos gaña o I Certame de Canción de Autor do Concello de Teo, a raíz do cal ve a luz o seu primeiro disco: Aínda (2014). Desde os 13 anos mergúllase no mundo da música popular galega, desenvolvendo unha intensa actividade, eminentemente no eido da regueifa, con mestres improvisadores como Pinto de Herbón, Luís O Caruncho ou o decimeiro cubano Alexis Díaz-Pimienta. Colabora co proxecto Regueifesta na introdución da regueifa no ámbito educativo. En relación con este ámbito leva impartido decenas de obradoiros de improvisación oral en centros de toda Galicia, con alumnado desde os 3 aos 90 anos, e desenvolve o proxecto de narración oral para público familiar Historias da Tinta Imaxinaria, que mestura conto con canción improvisada.
Graduada en Lingua e Literatura Galegas pola Universidade de Santiago de Compostela, con premio extraordinario de fin de carreira, traballa tamén como correctora externa para a editorial Galaxia. Arredor da oralidade publica Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo (2017), o primeiro monográfico centrado na investigación sobre a improvisación oral de Bergantiños. Como produtora forma parte do equipo do Encontro de Tocadores Entre margens, do concello de Caminha, a programación compostelá de Efecto proximidade entre outros. Coordinou e participou no espectáculo de voces femininas Hemisferios.
Lupe Blanco. Unha das últimas incorporacións ao mundo da regueifa, é bisneta do gran Blanco de Muiñoseco. Tamén é pandeireteira e ten unha toada moi característica ao vello xeito de Bergantiños. En 2017, alén de numerosas actuacións e obradoiros, debutou no escenario de Valadares no último Certame celebrado en decembro dese ano.
Entrada libre
Importe da matrícula e tipos: Gratuito en todos os casos
Matrícula para o certificado homologado: Desde 25/09/2018 até 25/10/2018 (o formulario de matrícula estará activo só entre esas datas).
Destinatarios-as do certificado homologado: Profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes.
Prazas para persoas que nunca traballaran como docentes en centros públicos ou concertados da Consellería de Educación (certificado homologado): Prazas reservadas: 25% Número máximo de prazas: 25%
Matrícula para o certificado emitido pola AELG: Desde 25/09/2018 até 25/10/2018 (oficina@aelg.org)
Destinatarios-as do certificado emitido pola AELG: Outras persoas que queiran un certificado de asistencia10.15 Recepción, entrega de material e inauguración
.