As entradas para a última edición da Candeloria sairán á venda o luns 25 de agosto ás 12.00 horas.

A Candeloria vivirá o vindeiro 11 de abril de 2026 a súa última edición.
O festival lucense pón fin así a unha traxectoria de 12 anos na que logrou converterse nunha icona da escena do punk, o rock e o rap non só en Galiza, senon tamén en todo o noroeste estatal. Ademais, A Candeloria conseguiu posicionar Lugo como un referente deste tipo de eventos nunha estación, o inverno, de pouca tradición festivaleira.
O organizador da Candeloria, Manu Fernández, quixo agradecer «a todos os candelorios e candelorias» o cariño recibido «ao longo de todos estes anos»:
«Poñemos fin á Candeloria da mellor maneira posible, despois de moitas edicións exitosas e no seu máximo esplendor dos seus 12 anos de historia. Non é un adeus triste, é un adeus cheo de alegría por todas as cousas impensables que conseguimos dende que en 2013 surxira todo a raíz dunha resaca post noite compostelá», explicou.
«É un adeus que chega coa saca chea de amizades novas, chea de momentos maravillosos que xamáis soñariamos con conseguir, e coa satisfacción de superar todos os momentos complicados dende o traballo e a humildade», asegurou Fernández, que recalcou tamén o seu agradecemento «ás bandas que viñeron ao festival, ás institucións que nalgún momento nos axudaron e ás empresas que traballaron con nós».
‘O último berro’ exhalarase o 11 de abril
A Candeloria ten agora un último obxectivo marcado en vermello no calendario: dicir adeus organizando a troula máis salvaxe da historia do festival. «Isto non acaba aquí. O 11 de abril, con ‘O último berro’, temos a misión de facer desa noite a máis especial da historia do festival. Vide desfrutar, poguear, e botar a lagrimiña unha última vez», invitou o organizador do festival.
ENTRADAS
As entradas para a última edición da Candeloria sairán á venda o luns 25 de agosto ás 12.00 horas. Todos os interesados en asitir a ‘O último berro’, a despedida que o festival levará a cabo o 11 de abril de 2026 no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, poderán mercarse na páxina web oficial, www.acandeloria.org
A organización premiará aos usuarios que merquen con máis antelación o seu billete. Así, as primeiras 200 entradas terán un prezo de 29 euros. Os paquetes de entradas seguirán a seguinte evolución:
Primeiras 200: 29 euros
Seguintes 300: 32 euros
Seguintes 400: 35 euros
Seguintes 600: 37 euros
Seguintes 800: 39 euros
Seguintes 1.000: 42 euros (todos os tramos levan os gastos de xestión aparte).
A edición de 2026 será a derradeira do festival lucense, que comezou a súa andaina no 2014 e decide e poñer punto e final á súa traxectoria no seu momento máis doce. Para este último berro, A Candeloria contará con moitas sorpresas, que serán anunciadas nas próximas semanas.