A pianista e compositora galega Aida Saco Beiroa presenta este luns 17 de febreiro, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, os temas do seu último traballo, ‘Ronseis do Tempo’, no marco do concerto de apertura da sección ‘Na Calzada’, un dos programas incluídos no ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’, e a través do que se pretende achegar ao público lugués o talento e as creacións de artistas da terra aínda en fase de formación.
O concerto de Aida Saco Beiroa é de entrada libre e de balde para todo o público ata completar o aforo, do mesmo xeito que sucede con todos os eventos artísticos programados ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe apoio económico da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.
O programa musical que interpretará Aida Saco Beiroa en Lugo apela ás emocións, como o fai cada unha das composicións que conforma o seu último traballo discográfico, un álbum publicado en 2019 e que inclúe catorce temas.
Alumna dos prestixiosos pianistas Josep Mª Colom no Conservatori del Liceu e Maurizio Morettina Schola Cantorum de París, inicia a súa formación musical a unha idade temperá e finaliza o grao profesional de Piano coas máximas cualificacións. Asiste a cursos e clases maxistrais con recoñecidos mestres e pianistas como Elena Orobio, Akiko Ebi, José Enrique Bagaría e Alexander Gold.
Ten participado como pianista concertista en numerosos ciclos e eventos musicais tanto de carácter colectivo como solista. En setembro de 2015 inicia o proxecto musical Metamorfoses, que é publicado en marzo de 2017 como traballo discográfico. Dous anos despois, chegaría ‘Ronseis do Tempo’.