Os lucenses Airiños da Freba e Grande Amore premios da música galega Martín Códax 2022
Ademáis, Fuxan os Ventos, galardón honorífico.
Airiños da freba os mellores en música tradicional e Grande Amore en electrónica, o poderío lucense deixouse ver un ano máis nos Premios Martín Códax da Música.
Destacar que tamén foron finalistas Arrhythmia en Metal, Nebra en Músicas do Munco e Mestizaxe, e Cántigas e Frores en Música Tradicional.
Airiños da Freba son un sexteto de música tradicional ao estilo das pequenas orquestras populares que animaban as festas da provincia de Lugo na primeira metade do século XX.
Desta maneira, ao poñer o foco nestas formacións, a súa interpretación do folclore tenta aportar unha visión máis transversal, máis próxima ao concepto de «verbena galega», onde o baile tradicional pode gozar plenamente da música en directo pero tamén calquera outra persoa non iniciada neste mundo.
Levan máis de 10 anos cun repertorio orixinal, baseado en recollidas propias e investigacións, coa intencionalidade de aportar frescura a quen o escoita pero tamén transmitir a sensación de que aínda queda moito por descubrir e aprender do noso inmenso variado e variado patrimonio musical.
Traballos publicados: O de Lacón (2017) e Con Grelos (2020) o cal non puideron presentar en directo a causa da pandemia ata o ano 2021. Os dous están dispoñibles nas plataformas dixitais para o seu libre acceso.
Grande Amore, o alter ego de Nuno Pico – O Valadouro -, nace a mediados do 2019 coa idea de xogar co techno, o rock and roll e o pop dos 80 dende a óptica da música electrónica actual.
Ese mesmo ano, edita os seus primeiros singles «Todo ou Nada» e «Esta Cruz», moi influenciados por correntes estilísticas como o Italo Disco ou o High Energy.
A mediados de 2021, e logo de diversas colaboracións con artistas como Ortiga, Verto ou Mundo Prestigio, sae á luz o seu primeiro álbum, de título homónimo, no que se mostra máis cercano ao post-punk, o darkwave e os sons industriais.
Fuxan os Ventos
Non podía ser doutro xeito. Fuxan os Ventos celebra o seu 50 aniversario na música neste ano 2022 e os Premios Martín Códax da Música entregaronlle ao grupo o galardón honorífico da súa novena edición.
Considerados pioneiros e baluartes da música en galego, Fuxan os Ventos constitúe un proxecto histórico, refrendado non só pola crítica e o propio sector musical, senón ademais polo gran público.
A súa música chegou a milleiros de persoas e puxo a canción en galego en boca de varias xeracións.
Desde Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos Premios Martín Códax da Música, destacan que Fuxan os Ventos “non foi o único grupo galego cun alto compromiso social da época, pero si o que máis éxito acadou, chegando non só a intelectualidade galega vencellada á canción protesta e aos cantautores senón tamén á Galicia de orixe rural”.
O seu maior éxito discográfico foi “Sementeira”, publicado en 1979; son anos de centos de actuacións, chegando a Cataluña, País Vasco, Lisboa, Bruxelas, París, Zürich, Brest, e mesmo participando en dúas edicións do Festival Intercéltico de Lorient en 1978 e 1979.
A banda tamén se mergulla nunha campaña cultural en zonas de montaña, con trinta actuacións en vilas e aldeas de Lugo. A comezos de 1983 saen do grupo Xosé Luís Rivas Cruz “Mini” e Baldomero Iglesias Dobarrio “Mero”, que fundarán A Quenlla, e Fuxan incorpora un trío de música tradicional. Continuarán un ritmo intenso de actuacións ao vivo, dentro e fóra de Galicia, ata que en 1989 fan o seu último concerto en Segovia.
O galardón honorífico dos Martín Códax 2022 pon de relevo o significado que a música de Fuxan os Ventos tivo para a sociedade galega cun repertorio que foi camiñando do folk á música popular coa prevalencia dunhas letras “ben propias ou de poetas, que abrangueron temáticas moi amplas, en ocasións reivindicativas con temas como a emigración, a autonomía, a ecoloxía e a pobreza, ou recolledoras dunha tradición oral coa que tivo intenso contacto o grupo”.
A histórica formación, ademais da web fuxanosventos.gal, mantén actividade nas redes sociais nas que está a celebrar o 50 aniversario con imaxes, diferentes materiais e informacións das cinco décadas de andaina.
O Vello Cárcere acollerá unha mostra sobre «Fuxan os Ventos»