Concerto debut do frautista Iago López Núñez, gañador do Concurso de Interpretación Musical Xosé Castiñeira.

Sábado, 15 de marzo de 2025. 20:00h. Círculo das Artes de Lugo – Entrada de balde.

O Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo, organiza o Concurso de Interpretación Musical Xosé Castiñeira coa finalidade de motivar ao alumnado das distintas especialidades instrumentais mediante a interpretación pública dunha ou varias obras pertencentes ao repertorio solista do seu instrumento, e tamén dar a coñecer a Xosé Castiñeira, compositor, arranxador, teólogo e director de coro, unha das primeiras persoas en compoñer música relixiosa en galego e un dos compositores máis notables da nosa cidade.

Na tempada pasada a Sociedade Filharmónica de Lugo comeza unha colaboración co Concurso de Interpretación Musical Xosé Castiñeira consistente en instituír, como premio do concurso, a residencia e debut do gañador nun concerto da nosa tempada. 

O gañador do Concurso da edición de 2024 foi o novísimo frautista Iago Lòpez Nùñez. Acompáñano, no Cuarteto con frauta en Re maior nº 1, K. 285 de Mozart e no Trío para frauta, violoncello e piano H.300 de Bohuslav Martinů, os compoñentes do Ensemble Filharmónica, creado o ano pasado, especialmente para a ocasión e formado por prestixiosos músicos da nosa comunidade, coa intención de manter esta colaboración coa nosa Sociedade.

Ofrecerannos na segunda parte do concerto unha das obras mestras para cuarteto de corda, o Cuarteto “Americano” de Antonin Dvorak.