Concerto en Lugo da Real Filharmonía de Galicia
Mércores, 15 de maio de 2024 – 20.00 h. – Círculo das Artes de Lugo

Promove: Sociedad Filarmónica de Lugo

REAL FILHARMONÍA DE GALICIA

Enrico Onofri, director

Programa:

  • Ferdinando Paër (1771-1839): Abertura de Leonora
  • Antonio Sacchini (1730-1786): Ciaccona en do menor
  • Josef Martin Kraus (1756-1792): Sinfonía en do menor, VB 142
  • Ludwig van Beethoven (1770-1827): Sinfonía núm. 4 en Si bemol Maior, op. 60
Sons Esquecidos

Redescubrir é o verbo que activa este programa, comezando con Ferdinando Paër, compositor de gran fama ata que o século XX o esqueceu por completo; un exemplo é a súa ópera Leonora, eclipsada pola obra de Beethoven, a pesar do seu éxito en 1804, dous anos antes da estrea da Sinfonía núm. 4 de Beethoven, obra xenial pero opacada entre a monumental 3º e o pathos tráxico da 5ª. Antonio Sacchini morreu aos 57 anos, deixando 50 óperas e unha vida de luxo, excesos e obras de todos os xéneros, entre as que figura a súa Ciaccona en do menor. Joseph Martin Kraus foi coetáneo de Mozart (e morreu coa mesma idade, 36 anos); admirado por Haydn, foi compositor na corte de Gustavo III de Suecia, non sen antes pasar anos de penuria. Destaca entre as súas 15 sinfonías a escrita en do menor.

Enrico Onofri

Director titular da Filharmónica Toscanini de Parma, director principal invitado da Haydn Philharmonie de Eisenstadt, director asociado da Orchestre National d’Auvergne, dende 2022 Director asociado da Münchener Kammerorchester, director musical e director da orquestra Academia Montis Regalis.

Enrico creceu no taller de antigüidades dos seus pais en Rávena (Italia), rodeado da beleza do pasado dende o inicio dos seus estudos musicais, desenvolvendo así unha paixón polas interpretacións históricas. 

Como director e solista, veuse levado a explorar o repertorio do século XVII ao XX creando a súa linguaxe persoal a través do coñecemento das praxes históricas, pensadas como extraordinarias fontes de inspiración para novas ideas e panoramas na interpretación. 

A súa carreira comezou cunha invitación de Jordi Savall para ser concertino da Capella Real cando aínda era estudante. Moi cedo se encontrou traballando con agrupacións como o Concentus Musicus Wien, Ensemble Mosaiques e Il Giardino Armonico, o conxunto que dirixiu como concertino e solista de 1987 a 2010. 

En 2002 iniciou a carreira de director, o que lle brindou grandes eloxios e numerosas invitacións de orquestras, teatros de ópera e festivais de toda Europa, Xapón e Canadá. De 2004 a 2013 foi director titular do Divino Sospiro de Lisboa, dende 2006 é director invitado da Orquestra Barroca de Sevilla, e dende 2021 director titular da Real Câmara Baroque Orchestra de Lisboa.

As invitacións como director ou director residente inclúen orquestras como Akademie für Alte Musik, Camerata Bern, Bochumer Symphoniker, Vienna Chamber Orchestra, Festival Strings Lucerne, Kammerorchester Basel, Tafelmusik Toronto, Orchestra Ensemble Kanazawa, Orchestra del Maggio Musicale Fiorentino, Real Orquestra Sinfónica de Sevilla, Orquestra de l’Opéra de Lyon, Orquestra Sinfónica de Galicia, Orquestra Metropolitana de Lisboa, Real Filharmonía de Galicia, Riga Sinfonietta e máis. No campo da ópera, dirixiu producións operísticas na Ópera de Lyon, Teatro da Maestranza de Sevilla, Torino Teatro Regio, Halle Staatstheater, entre outros, traballando con directores de escena como Alessio Pizzech, Mariame Clément, David Marton ou Stephen Lawless.

Fundou o grupo de cámara Imaginarium Ensemble para interpretar o gran repertorio de violín solista italiano dende principios do Barroco ata o Século das Luces. Os CDs de Imaginarium Ensemble recibiron numerosos premios, entre eles o prestixioso Diapason d’or de l’année 2020 de Francia por Into Nature, Vivaldi’s Seasons and other sounds from Mother Earth.

Enrico actuou nas salas de concertos máis famosas do mundo, incluídas Musikverein e Konzerthaus en Viena, Mozarteum en Salzburgo, Philarmonie e Unter den Linden Opera en Berlín, Alte Oper en Frankfurt, Concertgebouw en Ámsterdan, Teatro San Carlo en Nápoles e Carnegie Hall. Lincoln Center de Nova York, Wigmore Hall e Barbican de Londres, Tonhalle de Zurich, Théâtre des Champs-Elysées e Théâtre du Châtelet de París, Auditorio Nacional de Madrid, Oji Hall de Tokio, Osaka Symphony Hall, Teatro Colón de Bos Aires, xunto a artistas como Nikolaus Harnoncourt, Gustav Leonhardt, Christophe Coin, Cecilia Bartoli, Katia e Marielle Labèque e máis. Moitas das gravacións de Enrico con Teldec, Decca, Astrée, Naive, Deutsche Harmonia Mundi / Sony, Passacaille, Nichion, Pentatone, Winter & Winter, Opus111, Virgin, Zig Zag Territoires, etc., foron galardoadas con prestixiosos premios internacionais, como o Gramophone Award, Grand Prix des Discophiles, Echo-Deutsche Schallplattenpreis, Premio Caecilia, Premio Fondazione Cini de Venecia, La Nouvelle Academie du Disque e numerosos Diapason d’Or, Choc de la Musique, 10 de Répertoire des discques compacts.

Enrico foi profesor de violín barroco e interpretación de música barroca no conservatorio A. Scarlatti de Palermo dende 1999, e actualmente no conservatorio G. Rossini de Pesaro. Foi invitado a impartir clases maxistrais por toda Europa, Canadá, EUA (Juilliard School, New York) e Xapón. Foi titor e director da EUBO (Orquestra Barroca da Unión Europea). En 2019 foi galardoado co premio F. Abbiati como mellor solista do ano.