O Concello de Lugo conmemora o 80 aniversario do Exilio Republicano co concerto do guitarrista Samuel Diz e da mezzosoprano Marta Knörr. Será o sábado, 22 de xuño, a partir das 20:30 horas Vello Cárcere. Entrada gratuita ata completar aforo.
Xuño 2019 A Guerra Civil e o Exilio Republicano son os eixos vertebradores do concerto, que inclúe un programa que recupera a colección de cancións Metamorfosis del clavel, con poemas de Rafael Alberti, escritas por Gustavo Pittaluga entre 1940 e 1942, anos antes de alcanzar a súa popularidade coas bandas sonoras de Los olvidados ou Viridiana, de Luis Buñuel. México tamén acolleu ao fin da Guerra Civil á pianista e compositora, discípula de Manuel de Falla, Rosita García Ascot e ao seu marido, o lucense Jesús Bal y Gay.
A intrahistoria do espazo convida a escoitar de forma emotiva as pezas orixinais do guitarrista Daniel Fortea, quen ofreceu, a finais de 1936, o concerto de presentación do emblemático Batallón Alpino (que defendeu o avance das tropas franquistas na serra de Madrid), xunto a unha conferencia de María Teresa León e un recital de Alberti. Finalizada a contenda Fortea foi preso no cárcere de Ocaña, onde en abril de 1948
asinou a súa partitura Balada de la cárcel.
Marta Knörr e Samuel Diz
A mezzosoprano Marta Knörr é unha intérprete versátil que se desenvolve nos máis variados xéneros e estilos ofrecendo concertos en diversos países de Europa, México e Marrocos. Participou como solista en óperas de César Camarero, Jesús Rueda, Luis de Pablo ou Ernst Krenek, sendo considerada pola crítica especializada como “a referencia española” para o “Pierrot lunaire” de Schoenberg. Entre a súa discografía destacan os traballos Canciones del Grupo de Madrid ou Compositoras españolas del siglo XX co pianista Aurelio Viribay, Retablo sobre textos de Paul Klee de Benet Casablancas ou a recente gravación monográfica do compositor Alejandro Román para Naxos xunto ao Trío Arbós.
O guitarrista clásico Samuel Diz é un intérprete e investigador especializado na música da Xeración do 27. Nos seus traballos discográficos Guitarra clásica galega e Impresiones y paisajes, como el primer libro de Lorca recolleu a obra inédita para guitarra de Jesús Bal y Gay, Juan José Mantecón, Salvador Bacarisse ou Regino Sainz de la Maza. Entre os seus concertos destacan os ofrecidos na Casa Natal de Federico García Lorca, nas universidades de Yale e Boston, no Harare International Festival of the Arts (Zimbabwe) ou no Palau de la Música Catalana onde recibíu o premio da crítica El Primer Palau.