POR SARA GARCÍA
Pasaron case dous anos dende o último festival de música de grande formato celebrado en Lugo. Foron tempos de incertidume e momentos moi duros para a música en directo, pero finalmente as boas novas chegaron, e aínda que non puido ser como estaba previsto inicialmente, despois de moito traballo, o Fa Ce La volveu á carga e puidemos desfrutar de novo dun festival en plenitude.
E cando falo de plenitude, falo desa sensación de ilusión cando te reencontras coa música en vivo.
A sensación de volver a cruzar a entrada dun festival.
De recoñecer caras a pesar das máscaras.
De facer amigos aínda que sexa a un metro e medio.
De sentir de novo todas las cosas buenas, como canta Soleá, que despertan os concertos en directo.
A quinta edición do Fa Ce La Fest celebrouse os días 27 e 28 de agosto de 2021 en Lugo, no exterior do Auditorio Municipal Gustavo Freire, e contou cunha singular selección de grupos locais, bandas emerxentes nacionais e formacións consagradas. Chucho, Soleá Morente e Mujeres foron os cabezas de
cartel dunha edición atípica na que estiveron acompañados por Parquesvr, Menta, Pelazo, From Atomic, Infrarroja, Conducto Coloquio e Tulip.
Todos eles tiveron palabras para a “cultura segura” e a emoción de poder celebrar un festival nun contexto tan difícil. A intensidade estaba xustificada. Era unha edición insólita do Fa Ce La, marcada pola fragmentación de concertos e as restricións sanitarias, pero non foron excusa para que desfrutaramos cada
aposta da súa programación.
Venres 27 de agosto. Non hai cadeiras que paren a Soleá Morente
Era a primeira xornada do festival e para o meu gusto, o mellor día do cartel. Con artistas como Tulip, artífices dun dos discos galegos que máis me gustaron este ano, Menta, o que foi o meu grupo revelación persoal do 2020, e Soleá Morente, pola que levaba agardado poder desfrutar da súa festa rumba-pop dende que o Fa Ce La anunciou a súa confirmación en… deixádeme que mire… setembro de 2019. Vaia se se fixo agardar.
Os primeiros en inaugurar o festival ao mediodía foron Tulip, que integran Óscar Raña (Dois) e Marta González (Wild Balbina), presentando o seu maxistral debut ‘Estrelas No Chan’ e acompañados no escenario polo tamén vigués PÁLIDA, no que foi un bonito e especial recital de dream pop e música electrónica.
Non vou negar que un concerto destas características, á hora do vermú e a pleno solazo (o que fixo que o público se refuxiara nas sombras e deixara a platea semibaleira), igual se tería desfrutado mellor nunha praciña da cidade ou mesmo no Clavi, como en anteriores edicións do festival. Pero a situación actual
obriga a alonxarnos un pouco do concepto que tiñamos do festival prepandemia, e con todo, puidemos seguir gozando das propostas máxicas que nos trae sempre o Fa Ce La, como o foi a deste conxunto vigués.
Os encargados de abrir os concertos da tarde non serían outros que uns habituais da escena lucense. Dende a primeira edición, o Fa Ce La caracterízase polo apoio ás bandas locais, que xunto con outras bandas nacionais emerxentes e un par de cabezas de cartel, forman unha proposta moi equilibrada e atractiva.
O primeiro grupo lucense participante nesta edición foi Conducto Coloquio, agrupación xa veterana da esfera local, que ofreceu un contundente directo de hard rock e blues para deixar paso a unha banda menos experimentada pero que conta xa cun prometedor percorrido no panorama musical.
Falamos dos madrileños Menta, nacidos case no confinamento e unha das poucas aportacións millennials deste Fa Ce La. Actuación máis que notable do grupo liderado por La Meji, ofrecendo un concerto do máis sólido a pesar da súa breve traxectoria, sorprendéndonos tamén con cancións inéditas e unha cover de Juanita y Los Feos (aínda que non lles perdoo non tocar Folía de las Apariciones, a súa versión do tema de Triángulo de Amor Bizarro). Foi ademais, a súa primeira actuación en Galicia, como foi o caso doutras bandas xoves, daquela emerxentes, como Cariño e Carolina Durante en pasadas edicións do
festival.
Agardamos que o Fa Ce La siga apostando por estas formacións máis novas. Hai unha morea de rapaces e rapazas −penso na escena galega en Mundo Prestigio, Verto, Ortiga, Tanxugueiras (por que non?) e a nivel estatal Cala Vento, La Plata, Yawners, Belako e mil máis−, dándoo todo e facendo diferentes tipos de música que, polo menos aos da miña xeración, inspírannos moitísimo.
Continuando co itinerario do festival, o Fa Ce La seguiu sorprendéndonos nas horas seguintes cos directos de Soleá Morente e Parquesvr. A primeira foi quizais unha das artistas máis queridas e aplaudidas polo público, a súa cercanía e ganas de facernos desfrutar e bailar non tiveron límites.
Con previa invitación á práctica de movelo cu sentados, oxalá con pronta data de caducidade, Morente puxo a tono a todo o recinto enteiro do Fa Ce La Fest, polo que a propia cantante se paseou en plena actuación para animar un concerto que foi luminoso e auténtico como ela mesma, e no que tamén tivo
tempo para homenaxear ao seu pai, o cantaor Enrique Morente, interpretando algunhas das súas pezas coa arte e poderío do flamenco.
Mudando xa de terzo cun público máis punkarra, pechaban a primeira xornada do festival Parquesvr e o seu pelotón, que despregaron unha artillería pesada de himnos punk e rock irreverente ante unha audiencia á que Javi Ferrara, todo un frontman, non paraba de facer fincapé na media de idade dos asistentes para arrincarnos as derradeiras gargalladas desta primeira xornada de festival.
Sábado 28 de agosto. Peche festivo con Mujeres
Os portugueses From Atomic e os lucenses Infrarroja eran os encargados de abrir o último día de festival cos seus pases de mediodía e tarde. Non mentirei, non puiden asistir a ningún dos concertos.
Vacinárame o día anterior e dou grazas que Pfizer non me impediu desfrutar dos concertos do venres, pero ao chegar á casa caín K.O. Malia isto, a xulgar polas stories de amigos e coñecidos de internet, ambos concertos semella que foron memorables.
Recuperada xa de saúde, regresei ao festival para o concerto dos Pelazo. Unha das sorpresas desta edición. Os asturianos deron unha auténtica lección de actitude e ganas, repartindo temazos de power pop e rock n roll, con versión incluida de ‘Does Your Mother Know’, da mellor banda do mundo (si, ABBA,
que pasa?).
Pouco despois, chegaría un dos pratos fortes do festival. Chucho. Co mesmo Fernando Alfaro que formara parte daquel histórico concerto de Surfin Bichos no Fa Ce La invernal de 2018. Neste Fa Ce La 2021, Alfaro e o seus comezaron comedidos, presentando o novo lanzamento de Chucho, ‘Corazón roto y brillante’, aínda que non fixeron explotar de ledicia e baile aos fans máis acérrimos ata que repasaron algúns dos seus grandes clásicos do pasado como ‘Revolución’ e ‘Magic’.
Outro dos concertos de maior expectación era, sen dúbida, o de Mujeres, que convocaron nas primeiras filas a un público desexoso de corear cancións e con ganas reprimidas de poder levantarse e bailar sen parar, aínda que isto non foi unha excepción para algúns atrevidos. Os cataláns foron o peche perfecto desta edición, deixando ao público entre sorrisos e totalmente entregado durante todo o seu repertorio, incluindo temas do seu último EP ‘Rock y amistad’, con temas dignos do título a canción do ano como ‘Besos’ ou ‘Al final, abrazos’.
Ao final, bicos e abrazos houbo. Con máscaras, claro. Pero o feito é que, pouco a pouco, volvemos a experimentar un festival case como antes. E a organización do Fa Ce La fixo todo o que estivo na súa man para celebrar esta edición e facela tan homologable á idea de festival como lles foi posible.
E así remata esta edición. A máis complicada pero tamén a máis esperada. Dende a nosa redacción, damos as grazas á organización e persoal implicado por devolvernos a ilusión festivaleira e a oportunidade de desfrutar tanta boa música en Lugo.
Se te deixamos cos dentes longos e estás desexando desfrutar de máis música en directo, recorda que, a parte do festival, a xente de Fa Ce La programa concertos o resto do ano. E para o próximo non imos ter que agardar moito, xa que o vindeiro martes 14 de setembro, teremos no Clavi o concerto de Fleur, que chegará dende Holanda para presentarnos o seu primeiro xenial disco de música beat con aires folk-pop. Podedes reservar as vosas entradas escribindo a calquera destes dous mails:
hola@facelafest.es
club@clavicembalo.com