A programación musical Outono Cultural da USC trae o vindeiro xoves 20 a Lugo unha proposta da nova escena do rap galego. O artista Hugo Guezeta actuará ás 20.15 horas na Praza de Santa María de Lugo (en caso de condicións meteorolóxicas adversas, no Auditorio de Veterinaria)

Hugo Guezeta

O músico de Ponteareas será quen inaugure o ciclo ‘Lubicán’ coa súa proposta innovadora de rap galego.

O que fora integrante e co fundador de SonDaRúa emprendeu a súa carreira en solitario con letras cunha alta compoñente reivindicativa.

A súa capacidade de fluír sobre as bases e de moverse desde ritmos de hip hop máis clásicos ata melodías de reggae sitúan este artista como un dos máis completos e versátiles do movemento urbano.

A finais de 2024 lanzou o álbum O Noso Tempo.

O concerto, de entrada libre e aberta, enmárcase na programación artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.