Lugo Cultural – Concertos de KYR4 e XMASEDA65
A artista coruñesa KYR4 e XMASEDA65, que fará as veces de teloneiro, abren o 28 de febreiro, a partir das 20.15 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria da USC, o programa de concertos do ciclo Lubicán, promovido desde a área de Cultura da USC no Campus de Lugo ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan con financiamento USC, áreas de cultura do Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.
Elia Galdo, máis coñecida como KYR4, é unha artista orixinaria da Coruña (1999). O seu estilo é, sen dúbida, o Rap, un xénero co que leva en contacto toda a súa vida, pero os seus primeiros pasos foron nun grupo de Rock. A súa traxectoria co rap e a música urbana formalízase definitivamente en 2020, motivada polo seu irmán pequeno.
En 2021 comeza a escribir as súas propias cancións de rap e é, en 2022 cando a artista KYR4 empezou a profesionalizar a súa carreira coa saída de ‘Cantándote al Oído’.
KYR4 é autodidacta neste ámbito, pero conta con formación de 4 anos no conservatorio e nas disciplinas de guitarra e canto. Actualmente, Elia está cursando Produción de audio no SAE, instituto de Madrid. Previamente, formouse en Comunicación Audiovisual e en Artes Escénicas, unindo as súas dúas paixóns: o cine e a música.
Os traballos desta artista son singles como ‘Cantándote al oído’, ‘Morriña’, ‘Roto’, ‘Channel’, ‘Néctar’ e ‘Añejo’. KYR4 sorprendeu en 2023 co lanzamento do seu primeiro EP ‘Ojos Tristes’ que inclúe cinco cancións: Yo, Business, Sueños, ¡Dónde estás’ e ‘Sempiterno’.
XMASEDA65
O debut artístico de XMASEDA65 tivo lugar en 2019 cun tema chamado ‘Memorias dun adolescente’, que tivo un moi boa acollida. A partir diso comezou a súa carreira. O tema de maior repercusión ata a data é un dedicado ao seu avó, titulado ‘Paparrexo’, que conta con case 30.000 visitas (entre YouTube e Spotify), cuxa repercusión lle levou a actuar incluso na TVG. E foi aproximadamente arredor da saída dese tema, en 2022, cando comezou a dar os seus primeiros bolos.