O Ciclo Experimenta 2022 trae a vangarda musical a Lugo con The Partisan Seed (Portugal), L-R (Asturies) e ZA! (Catalunya) nos xardíns Museo de Lugo, do Pazo de San Marcos e en Reque, a carón do Rato
Presentouse no Pazo de San Marcos o cartel da terceira edición de Ciclo Experimenta, un programa de concertos en distintos espazos da cidade de Lugo que conxuga a música en directo coa poesía e as artes do movemento que se desenvolverá do 21 ao 23 de xullo. A programación, promovida por Tele Clube coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, inclúe actuacións de The Partisan Seed, L-R e ZA!.
Na presentación, Chus Rodríguez, de Tele Clube sinalou «con esta terceira edición podemos presumir de consagrar un ciclo experimental no que as músicas e os lugares van da man para darnos unha volta pola
cidade, e pola mente, menos coñecida; percorrendo a través de sons ubicacións polas que pasamos de camiño a outros espazos” e que “aposta pola conxugación do amor polas linguas -co catalán, o portugués e o asturianu- , a poesía e a mixtura da música folclórica e máis tradicional con propostas innovadoras e rupturistas”.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, destacou a “achega que Tele-Clube fai con esta programación a axenda cultural da cidade e da provincia, cun ciclo de concertos que nos permite escoitar creadoras e creadores de toda a Península, amosando a diversidade lingüística e cultural da que somos parte” e sinalou que se trata dunha proposta aliñada cun dos obxectivos que nos marcamos desde a área de Cultura, que é promover o uso cultural e social dos espazos públicos xestionados pola Deputación”. Nese senso, valorou “o emprazamento dun dos concerto en Reque, un espazo que estamos a recuperar e abrir á cidadanía desde o Centro de Artesanía e Deseño”.
PROGRAMACIÓN
XOVES 21 DE XULLO – 20:30horas. Xardín do Museo de Lugo
THE PARTISAN SEED (Portugal)
Filipe Miranda é compositor, músico, produtor e artista visual barcelense.
Comezou a súa carreira en solitario no 2005 baixo a denominación The Partisan Seed para enfatizar a mensaxe das letras na súa escrita persoal e libre. Os seus discos descobren un autorretrato profundo do compositor mediante un fluxo de cancións sinceiras e introspectivas.
The Partisan Seed caracterízase polo seu estilo delicado de guitarra acústica, a súa conmovedora interpretación vocal e as improvisacións, como trance chamánico, en directo.
Está considerado en Portugal como un dos compositores de cancións mais destacados da súa xeración.
Poderemos experimentar o seu directo, onde escoitaremos algunha das súas primeiras composicións e tamén cancións do seu último traballo “Old Songs For a New Sun”, un disco grabado en plena pandemia e publicado en 2021.
VENRES 22 DE XULLO – 20:30h. Xardíns do Pazo de San Marcos.
L-R (Asturies)
Leticia Baselgas e Rubén Bada conforman unha das propostas máis orixinais da música asturiana dos últimos anos. Reelaboran a música do país mantendo os ritmos tradicionais para o baile e engadindo sons como blues, jazz ou rock. Voz, pandeireta e guitarra eléctrica dan forma ao que eles etiquetan como post-folk asturianu.
No 2018 publicaron o seu primeiro traballo discográfico, acompañado pola que posiblemente fora o xira máis longa dun grupo folk en tempos recentes, así que moito ollo ao seu directo, que promete unha auténtica descarga rítmica para menear ben os noso corpos con danzas tradicionais e máis heterodoxas.
O pasado ano, lanzaron N.O.S., o seu último disco, unha obra moi coidada e completa coa que afondan no seu particular son.
SÁBADO 23 DE XULLO – 13h Lugar de Reque, paseo do río Rato.
ZA!: (Catalunya)
Para quen puido desfrutar na pasada edición do Experimenta do vibrante concerto de Los Sara Fontán, Edi Pou será xa un vello coñecido, pois este ano repite na nosa sesión matinal, coa súa outra metade musicalmente máis famosa e á que Tele-Clube levaba un tempo perseguindo: Za!
O dúo barcelonés, composto por Edi Pou á batería e outras cacharradas e Pau Rodríguez á guitarra, trompeta e outras tantas cacharradas, desatará os seus ritmos tribales, electrónicos e telúricos na despedida por todo o alto da terceira edición do Experimenta.
A música dos cataláns combina sabrosura e noise, polirritmos balineses e polimetrías africanas, hardcore e free jazz, física cuántica e debuxo libre, dadaísmo e drons.
Za! son fundadores do colectivo de improvisación “El Caballo Ganador” e teñen colaborado en pezas de danza e teatro. Contan tamén co seu propio pequeño selo discográfico, Gandula.
O dúo tamén imparte obradoiros de improvisación a músicos profesionais, amadores e crianzas. Za! fuxen dos grandes festivais, gústalles achegarse a espazos máis intimistas nos que poder desfrutar facendo desfrutar, a pesares de ser referentes do underground europeo e ter subido a escenarios de todo o mundo.