O violinista Jonian Ilias Kadesha pechará por todo o alto o Festival de Música Cidade de Lugo 2024.
O sábado 1 de xuño, no Círculo das Artes, dirixindo á Orquestra Sinfónica Vigo 430 en dous concertos para violín de Vivaldi e Mozart e sinfonías de Mendelssohn e Haydn.
Entrada de balde.

Jonian Ilias Kadesha semella un músico do Renacemento na diversidade e creatividade dos seus intereses intelectuais e a súa creación musical. 

Os seus estudos de filosofía e retórica inflúen na precisión estilística das súas interpretacións, xa sexa de música antiga ou contemporánea, e a súa rica imaxinación amósase tanto nos mundos sonoros que crea como nos proxectos en que participa como solista, intérprete-director e músico de cámara.

Como solista actuou en toda Europa, entre outras coa Orquestra de Cámara de Europa dirixida por Sir András Schiff, a Filharmónica Real de Liverpool con Jonathan Bloxham, Tapiola Sinfonietta e Ryan Bancroft e a Filharmónica de Eslovenia dirixida por Aziz Shokhakimov. Ofreceu recitais en salas como Wigmore Hall, Louvre, Filharmónica de Berlín e Salle Moliere Lyon.

Kadesha é un músico de cámara comprometido e colabora con músicos de renome como Martha Argerich, Steven Isserlis, Patricia Kopatchinskaja, Nicolas Altstaedt e Antje Weithaas. É cofundador do galardoado Trio Gaspard, que se presenta regularmente en festivais e salas de todo o mundo. Tamén é membro do Kelemen Quartet.

É cada vez máis solicitado polas principais orquestras de cámara como solista e director e traballou coas orquestras de cámara dos Países Baixos, Irlanda e Escocia, a Aurora Orchestra, a Manchester Camerata e os London Mozart Players. O seu achegamento ao canon orquestral clásico baséase na súa interpretación de música de cámara e, a miúdo, improvisa as súas propias cadencias e ornamentacións.

A curiosidade de Kadesha polo repertorio é ampla, como o demostran as gravacións que realizou para Linn Records, coa que firmou en 2021. O seu álbum debut en solitario incluíu a Partita en re menor de Bach xunto coa primeira gravación comercial de Ciaccona de Helena Winkelman e obras de Biber, Schnittke, Kurtág e Auerbach. 

A súa seguinte gravación lanzarase neste 2024 e inclúe a gravación da estrea do concerto para violín TYCHE de Giovanni Sollima con CHAARTS Chamber Artists. Co pianista Nicholas Rimmer gravou obras de Enescu, Ravel e Skalkottas para Cavi Music e co violonchelista Vashti Hunter un disco de repertorio para violín e violonchelo en colaboración con Deutschland Radio.

En 2017, Kadesha fundou e asumiu o cargo de director artístico do Caerus Chamber Ensemble, un conxunto de cámara flexible formado por destacados instrumentistas da xove xeración de músicos europeos.

Nacido en Atenas de ascendencia albanesa e grega, Kadesha estudou dende moi novo en Musikhochschule Wurzburg, seguido da Academia Kronberg, onde completou a súa mestría en 2020. Estudou con Antje Weithaas, Salvatore Accardo, Grigori Zhislin e Ulf Wallin. Estudou música de cámara con Hatto Beyerle en Hannover e participou en clases maxistrais con Ferenc Rados, Steven Isserlis, Ivry Gitlis, Leonidas Kavakos e Eberhard Feltz.

Kadesha toca o violín Guarneri de Gesu »ex-Moser» de 1743 grazas á cesión de Princess Collection.

O Festival de Música Cidade de Lugo está organizado pola Concellería de Cultura e Turismo do Concello de Lugo coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación (Area de Cultura) e da Sociedade Filharmónica de Lugo.