Pedro Pastor, Fetén Fetén e Mondra novos concertos do San Froilán 2024
Pedro Pastor y Los Locos Descalzos

A banda do cantautor madrileño terá o seu lugar na praza de Santa María o xoves, 10 de outubro, a partir das 21h.

Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, destacou «o contido social e crítico das letras de Pedro Pastor», e engadiu «seguimos confirmando distintos estilos musicais para crear unhas festas nas que todas as veciñas e veciños poidan sentir orgullo de ser de Lugo».

Inspirados tras a última extensa xira latinoamericana da banda, Pedro Pastor y Los Locos Descalzos regresan este 2024 con Escorpiano, o seu quinto álbum, terminando de afianzar o eclecticismo como un estilo en si, profundando nas músicas de ida e volta e confirmando que se pode facer música saborosa, bailable e á vez poética, profunda ou combativa.

Xa vai para unha década que Pedro e os seus músicos comparten escenario e gravan os discos en bloque polo que o ensamble musical é sólido, a partir de aí, a alegría, a afinidade eo entusiasmo que inspiran  Pedro, Álvaro, Nico e Alan no escenario é único.

É difícil definir o estilo, sería algo así como merengue-rock-cumbia-funk-champeta-candombe-balada-canción de autor. E as poderosas e directas letras que son, sen dúbida, o aceno de identidade deste proxecto.

https://www.pedropastorguerra.com/

Fetén Fetén

O concerto de Fetén Fetén terá lugar o mércores 09 de outubro 21:00 horas na praza de Santa María.

O proxecto de Jorge Arribas e Diego Galaz presentará en Lugo «Miña terra no corazón», co que levan un ano de xira por todo o estado.

Fetén Fetén é a linguaxe da alma feito armonía. 

A música desta orixinal formación é unha lectura contemporánea da música tradicional e da música popular de baile, xéneros que os inspiran e que homenaxean utilizando a imaxinación e a creatividade coma bandeiras.

Dous namorados dos instrumentos diferentes, xa que, ademáis de os máis convencionais, no seu directo podemos escoitar o serrucho, o violín trompeta, a frauta cadeira de “camping” ou o recolleval.

As súas composicións guíannos, a ritmos de baile por fox-trot, vals, chotis, “seguidillas” ou habaneras, mecéndonos cos seus acordes pola Península Ibérica e facéndonos voar de Italia ao Xapón ou da Arxentina a Portugal.

Estas melodías instrumentais para escoitar e bailar en directo percorren as nosas raíces e incorporan matices renovadores que evocan ás distintas paisaxes do mundo que os artistas coñeceron nas súas intensas xiras internacionais e que xa levaron por toda a xeografía do estdo español nos máis de 1.000 concertos realizados.

https://www.fetenfeten.net/

Mondra

O concerto do galego Mondra pechará o San Froilán 2024, o 12 de outubro a partir das 23 horas na praza de Santa María

Mondra chega a Lugo co seu espectáculo FOLĪA das ARDENTES.

Cantante e bailador galego, comezou a súa carreira profesional na compañía de danza de Fran Sieira, formando aínda parte do seu elenco artístico.

Exerce coma mestre de pandeireta e baile tradicional galego en varias asociacións culturais do país.

En setembro do ano 2023 editou o seu primeiro álbum de estudio, ARDĒN, no que combina música tradicional cun son actual, un estilo que foi bautizado como trad. E co que está triunfando non so por Galiza senón alén das nosas fronteiras nunha extensísima xira que fará que recale en Lugo este outubro.

https://www.instagram.com/mondra.gz