Este luns presentouse o ciclo Novas Músicas, un programa de concertos que aposta por propostas musicais innovadoras e rupturistas. 

Organizado por Tele- Clube Lugo coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o ciclo presta especial atención á ubicación dos concertos, procurando introducir a música en espazos culturais que enriquezan a experiencia sonora.

A chilena Isadora O´Ryan, a banda portuguesa Sereias e o músico valenciano Jordi Sapena forman o cartel desta nova edición do ciclo, que se celebrará do 26 ao 28 de xullo e que terá como escenarios os xardíns
do Pazo de San Marcos e do Museo de Lugo e a Sala de Exposicións do Centro de Artesanía e Deseño.

A deputada Iria Castro e Trini López, de Tele-Clube, valoraron a continuidade da colaboración para consolidar este ciclo experimental, que permite escoitar en Lugo a creadoras e creadores de vangarda, que
non están nos circuítos comerciais convencionais.

A deputada Iria Castro e Trini López, de Tele-Clube, na presentación do ciclo.
Programa ciclo «Novas músicas»
MÉRCORES 26 DE XULLO – 20:30horas. Xardín do Museo de Lugo
I.O. (Chile)

A exploración musical pode ser infinita se é o que unha artista se propón. É o caso de Isidora O’Ryan, cantante, compositora e violonchelista titulada pola Universidad de Chile que pasou dos ensembles clásicos, dos conxuntos de cámara e da improvisación libre ao folk melancólico e invernal en Los Tristes, cabo dos seus irmáns Pablo e Gabriela, banda coa que publicou o seu debut homónimo en 2017.

Despois desta experiencia empezou a escribir cancións nas que o chelo se acompaña de sintetizadores e de máquinas de ritmos; pezas que están
sempre rozando o pop, pero que nunca terminan de acomodarse nel.

Admiradora de Billie Holiday, Björk, Radiohead, Portishead, Sigur Rós e Justin Vernon, entre moitas e variadas influencias, colabora con numerosos artistas e formacións interdisciplinares como reflicte Blanco (2022), un disco de ambient creado co seu compatriota o compositor Juan Pablo Abalo.

No ciclo Novas Músicas de Tele-Clube presentará I.O., o seu proxecto persoal co que xa asinou o nostálxico e intimista Ciénaga (2020).

XOVES 27 DE XULLO – 20:30h. Xardíns do Pazo de San Marcos.
SEREIAS (Portugal)

A identidade sonora de Sereias é crítica, contundente e radical. E o mesmo pode dicirse da súa incómoda conciencia política, claramente expresada con berros coléricos, marmurios depresivos, poesía bruta, lamentos existenciais e guitarras abrasadoras en progresión tensa e obsesiva.

Nesta pota ferve un caldo disruptivo que sabe a post-rock, free jazz, música contemporánea, tribalismo e punk con reminiscencias da historia do rock contracultural.

A fartura que se expresaba con palabras maiúsculas e provocadoras no debut do septeto portugués, O País a Arder (2019), dá paso en Sereias (2022) a un fado da inadaptación social e da carencia afectiva.

Sexa como for, o carismático e mordaz António Pedro Ribeiro, anarquista, poeta, sociólogo, xornalista e ex-candidato á Presidencia da República nado no Porto en maio do 68, á fronte deste colectivo interxeracional para o que a creación é un pulo vital e urxente, volve sentar o mundo no diván. A erupción dos sentidos acontecerá ao abeiro do Ciclo Novas Músicas e promete atravesar o escudo.

VENRES 28 DE XULLO – 21.00 h Centro de Artesanía e Deseño
JORDI SAPENA (Valencia)

Oito anos, varias mudanzas e unha pandemia despois, ao músico valenciano Jordi Sapena estáballe a morrer unha das plantas da súa casa. A partir da idea da curación pola arte, pensou nunha banda sonora do coa que puidese acompañala mentres a vivenda estaba baleira. Se, ademais dos organismos vexetais que son as primeiras ouvintes do artista, no ecosistema do fogar de Sapena habitan pianos e sintetizadores, aparellos domésticos e seres humanos, o seu retrato sonoro debía reflectir a presenza dos instrumentos e tamén o ruído da lavadora, o tráfico da rúa, os berros dun bebé e as conversas da veciñanza.

O resultado é Salve Monstera (Mont Ventoux, 2022), un disco instrumental con oito cortes, un por cada unha das súas plantas de interior, en que colaboraron Alberto Lucendo (Sacromonte), Sais (Jupiter Lion, W.W.A.T.), Joaquín e Ángela Pascual (Surfin’ Bichos, Mercromina), Ángel Valiente (Karen Koltrane) e mailo músico e produtor Paco Loco. 

Logo de dúas décadas de traxetoria nalgúns dos proxetos máis interesantes do pop español actual (La Habitación Roja, Soledad Vélez, Chucho, Capricornio
Uno), Sapena asina por primeira vez en solitario con este traballo ambient. A traslación ao palco do álbum promete unha experiencia inmersiva para o público de Tele-Clube.

Perante o auditorio, o músico recomporá os temas de xeito aleatorio nunha sorte de directo espontáneo entre artefactos sonoros e pezas visuais. A Monstera honrou o [tulo da obra e salvouse, pero a Maranta é a única das oito que non sobrevivíu. A Sansevieria, en cambio, seica loce máis espléndida que nunca.