Reencontros Musicais Facela

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e deputada de Cultura, Maite Ferreiro, xunto cun dos responsables da organización, veñen de presentar o ciclo de concertos «Reencontros Musicais Facela» que terán lugar o venres 28 de agosto con Gancho Sanches e Ian Kay no exterior da Deputación de Lugo  e o sábado 29, Pauline en la Playa e Bigott no exterior do Palacio Municipal dos Deportes.

 “un ciclo de concertos gratuítos, nos que se poidan manter todas as medidas sanitarias vixentes, máis coma sempre traendo a Lugo apostas de calidade, e variadas, axudando a conformar unha aposta cultural innovadora e diversa para todas e todos”, destacou Maite Ferreiro.

A V edición do FACELA reinventase así neste ano de transición (agardamos que para o 2021 remate o pesadelo covid) con catro concertos de balde e de aforo reducido. Ollo, as entradas son gratuítas, máis deberán retirarse con antelación na Oficina Municipal de Turismo, cun máximo de dúas por persoa.

Gancho Sanches

Tal e coma sempre formou parte do Fa Ce La Fest, xermolo deste ciclo de concertos, a aposta polas bandas galegas, este ciclo contará coa banda de Psych-Folk Chantadina Gancho Sanches, que demostrarán unha vez máis co seu directo que o galego se adapta de forma marabillosa a calquera estilo de música.

Ian Kay

Chegará coa súa banda para presentarnos en «Walk that road again» producido e gravado en Los Ángeles. Música que nos fala de historias de amor persoal, a través da angustia, despertares groseiros e outras relacións disfuncionais. Historias punkish e as veces provocativas.

Pauline en la Playa

É un grupo de música pop asturiano composto polas irmás Mar e Alicia Álvarez, que toma o nome do filme francés Pauline na praia (Éric Rohmer, 1983). Un concerto moi especial, dun grupo que non se prodiga moito nas súas actuacións en directo.

Bigott

O artista zaragozano presentará en Lugo o seu derradeiro disco “This is all wrong”(2020), publicado xusto antes da crise sanitaria; disco preciosista e atemporal que nada entre o twee pop e o folk.