ABRIL 2018 A décima edición do programa ‘Sons Creativos’, unha plataforma para a difusión e creación sonora, ofrecerá os días 4 e 5  de maio nas instalacións do centro de convivencia cívica Uxío Novoneyra de Lugo dous obradoiros de improvisación e exploración sonora, ademais dun seminario impartido por Inmaculada Cárdenas sobre improvisación musical, xénese e desenvolvemento dunha obra.

Os 10Sonscreativos’, un programa organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultral e impulsado desde os seus comezos polo Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS), constitúe unha decidida aposta por difundir e achegar ao público dúas formas de creación sonora pouco habituais, tales como son a improvisación musical e a exploración sonora.

O baixista compostelán Xacobe Martínez Antelo abrirá o venres 4 de maio ( 16:30 a 19:30 h) a programación dos 10Sonscreativos co taller ‘A improvisación é a solución’, un obradoiro destinado a persoas interesadas na práctica da improvisación de diferentes ámbitos artísticos. A actividade formativa guiada por este integrante do Grupo Chévere terá continuidade o sábado 5 de maio, en quenda de mañá, de 10.00 a 14.00 horas, e rematará o domingo cunha improvisación colectiva.

«… faremos unha inmersión lingüística no soundpainting, descubrindo unha visión absolutamente enriquecedora e liberadora da improvisación. Para min, como músico, creador ou artista, o soundpainting foi un punto de inflexión na miña forma de relacionarme co instrumento, coa improvisación, cos meus prexuízos, límites e bloqueos. Un achado a todos os niveis, e ademais, unha das cousas máis divertidas para descubrir en grupo. A improvisación é a solución!» Xacobe Martínez Antelo

 

O segundo dos obradoiros incluídos nesta edición de Sonscreativos tamén se desenvolverá os días 4 e 5 de maio no centro municipal Uxío Novoneyra de Lugo e será impartido por Mónica Álvarez, integrante do GCSUS desde a súa fundación en 1996. A voz e a exploración sonora serán os elementos cos que traballará Mónica Álvarez ao longo deste taller, que rematará tamén o domingo 6 de maio cunha improvisación colectiva. «Neste obradoiro traballaremos a técnica vocal na súa ampla dimensión escoitando co corpo que, segundo dixo John Cage, é unha liberación da memoria, do gusto e da percepción.» Mónica Álvarez

O seminario ‘A improvisación musical, xénese e desenvolvemento dunha obra’, impartido por Inmaculada Cárdenas, desenvolverase o 5 de maio, en quenda de tarde (de 16:30 a 19:30 h ), no centro municipal Uxío Novoneyra de Lugo. Trátase dunha actividade formativa aberta á participación de todo o público interesado. A partir de obras concretas analizarase o proceso de creación sonora tendo como fonte a improvisación. Desde unha idea descritiva ou dramática desenvólvense materias sonoras capaces de conformar unha estrutura musical. Os temas e contratemas traballaranse nun sentido amplo. Entrada libre ata completar capacidade.

A USC mantén aberto ata o 2 de maio o prazo de inscrición nos obradoiros programados no marco dos 10Sonscreativos. As persoas interesadas por formalizar a súa matrícula na Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación de Lugo. As prazas son limitadas. Tamén se pode acadar máis información a través do número de teléfono 982 821 513 ou na web da oficina de Cultura do campus de Lugo da USC.