Unha iniciativa de divulgación científica e cultural que converterá Lugo nun dos principais epicentros europeos para seguir a eclipse total de Sol do 12 de agosto de 2026.
O 12 de agosto de 2026, a sombra da Lúa entrará pola fachada atlántica da Península Ibérica. Lugo sitúase de cheo dentro da estreita franxa de totalidade, polo que poderá vivir a eclipse na súa fase máis espectacular: o Sol quedará completamente cuberto durante algo máis dun minuto.
Será xa ao final da tarde, co Sol moi baixo sobre o horizonte oeste, o que converte a muralla romana e o miradoiro do parque Rosalía de Castro en lugares privilexiados para a observación.
Esa pouca altura fará o momento especialmente fotoxénico, co ceo tinguíndose de cores cálidas mentres a escuridade cae sobre a cidade.
O Salón de actos da Deputación de Lugo – Pazo de San Marcos, acolle as seguintes charlas-coloquio arredor da eclipse, dentro do programa divulgativo e cultural «Eclipse 2026.8.12. en Lugo», organizado polo Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, entre outras institucións:
- «As eclipses: a gran danza celeste», impartida por Begoña Nicolás Ávila, profesora de Astronomía e Astrofísica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) o 02 de xullo.
- 9 de xullo ás 18:00 horas terá lugar a charla “As eclipses na mitoloxía, na historia e nas artes”, a cargo do divulgador e escritor Moncho Núñez Centella.
- 23 de xullo, ás 18:00 horas e no mesmo espazo, será a quenda de “De que está feito o Sol?”, impartida por Ramón Iglesias Marzoa, astrónomo do CEFCA (Aragón).
- 30 de xullo, ás 18:00 horas, celebrarase a conferencia “Mirando o Sol durante unha eclipse”, a cargo de Salvador Bará Viñas, profesor de Óptica da USC.
Na Casa do Saber hai as seguintes actividades:
- 16 xullo, de 17:00 a 20:00 horas: obradoiro de astrofotografía por Dani Caxete, astrofotógrafo.
- 6 ago, de 17:00 a 20:00 horas , obradoiro de observación segura da eclipse por Jorge Gómez Crespo, astrónomo.
- 10 ago A eclipse solar total do 2026 en Lugo por Manuel Andrade Baliño, profesor de Astronomía e Astrofísica da USC e investigador vinculado a CITMAga.
A actividade principal chegará o 12 de agosto, cando a Lúa cubra por completo o disco solar, sumindo á cidade nunha espectacular penumbra diúrna.
A partir das 20:00 horas terá lugar unha gran observación pública en dous singulares enclaves do centro da capital lucense:
- adarve da Muralla de Lugo (entre as portas de Bispo Odoario e Bispo Aguirre) e,
- parque de Rosalía de Castro, onde se instalarán telescopios e prismáticos solares para visualizar a superficie do Sol durante a eclipse e se repartirán lentes homologadas gratuítas para previr riscos oculares.
A Deputación de Lugo puxo en marcha unha campaña de divulgación sobre a eclipse con dez conferencias informativas e gratuítas polo territorio lucense da man de Lucía González, o reparto de 35.000 lentes homologadas e 45.000 dípticos informativos, e unha web coa campaña – https://eclipse.deputacionlugo.org/, e na que se ofrecen todos os detalles do fenómeno, así como contidos e recursos divulgativos para a cidadanía.
Web da Deputación sobre a eclipse en Lugo: https://eclipse.deputacionlugo.org/






